Pontevedra exhibirá a súa 'pluma' durante a Semana do Orgullo LGTBIQ+ 2020

O rexeitamento á plumofobia será o eixo vertebrador dun programa de actividades lúdicas, reivindicativas e culturais que incluirá un San Xoán Travesti e un Contacontos Diverso no Gastroespazo
Presentación da Semana do Orgullo LGTBIQ+. CONCELLO
photo_camera Presentación da Semana do Orgullo LGTBIQ+. CONCELLO

A presentación da instalación artística Non á plumofobia no balcón da Casa Consistorial de Pontevedra marcará o vindeiro luns 22 de xuño ás 12.00 horas o inicio do programa de actividades reivindicativas, lúdicas e culturais para tódalas idades e públicos que a Concellería de Igualdade deseñou con motivo da Semana do Orgullo LGTBIQ+ 2020.

Entre os actos organizados inclúense a celebración dun Contacontos Diverso e dun San Xoán Travesti no Gastroespazo do Mercado de Abastos, a realización de arranxos florais coa bandeira multicolor nos xardíns das prazas de España e Ourense, o fallo da obra gañadora do I Premio Literario pola Diversidade, o reparto de flyers informativos e máscaras nunha Caravana LGTBIQ+ e o esperado regreso dos Vermús de Pinto e Maragota á Praza da Verdura cun espectáculo protagonizado por MarikasXlaFiesta, Meiga_i e Ariezzz.

O programa foi presentado esta mañá na Praza da Peregrina, onde estivo aparcada a Caravana LGTBIQA+, pola concelleira de Igualdade e Benestar, Paloma Castro; o edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes; a responsable do Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES) do Concello de Pontevedra, Ada Otero; a psicóloga e sexóloga Mónica Novas, e a coordinadora do programa municipal Pinto e Maragota, Eva Mejuto. Tal e como sinalou a edil do PSOE, a Semana do Orgullo deste ano “terá como eixo vertebrador o rexeitamento desa recorrente, retrógrada e inadmisible expresión de homofobia que é a plumofobia”, polo que “decidimos exhibir a nosa ‘pluma’ e encher a cidade de plumas de cores, sintéticas por suposto, comezando polo propio Consistorio”.

A Semana abrirase con forza no primeiro andar do Mercado, que o martes 23 de xuño acollerá dúas actividades culturais e lúdicas coincidindo coa chegada do verán. Ás 20.00 horas celebrarase na Ludoteca O Ganapán o Contacontos Diverso Rei e Rei, no que Sandra Ansín achegaralles aos máis pequenos historias e propostas coloridas para celebrar o Orgullo LGTBIQ+ (haberá inscrición previa a través do correo electrónico [email protected] e, por motivos de prevención, un aforo limitado a 10 rapaces).

A partir das 22.30 horas, o Gastroespazo será escenario do San Xoán Travesti dos Vermús de Pinto e Maragota, un espectáculo de cabaré transformista con Drag Queen e Drag King interpretado por ‘Marinita y sus marmotas’ en clave de comedia musical (con voz en directo, bailes e moito humor). “O aforo limitarase neste caso a un máximo de 25 mesas”, advirte Paloma Castro.

Os traballos florais encargados ao Servizo de Parques e Xardíns para esta Semana do Orgullo 2020 polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible exporanse dende o mércores 24 de xuño nos xardíns das prazas de España e de Ourense, cuxas flores de cores exhibirán a bandeira LGTBIQ+. Segundo indicou Paloma Castro, “o xoves 25 presentarase tamén na Praza de España, coa presenza do director de Edicións Xerais de Galicia, Fran Alonso, a obra gañadora do I Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade, convocado en colaboración coa editorial autonómica”.

Comentarios