Luís Bará: "Pontevedra fai valer o seu peso político con esta candidatura"

"A miña filla tamén levou unha sorpresa", confesa Luís Bará, que substituirá a Carme Adán como número un do BNG ás eleccións xerais por Pontevedra. "Con nós, Galicia estará presente en Madrid, porque nestes últimos meses non foi así", di o edil ponteverés referíndose a En Marea
Luís Bará, candidato do BNG ó Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra
photo_camera Luís Bará, candidato do BNG ó Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra

"Teño unha vida persoal e política plena". Foron as primeiras palabras que Luís Bará (Vilaboa, 1965) pronunciou onte diante do monumento a Castelao en Santa María, o lugar elixido para presentarse como cabeza de cartel do BNG ó Congreso dos deputados e a onde acudiu en compañía de compañeiros do Concello, alcaldes e colegas nacionalistas. Na súa lista haberá incorporacións como a da deputada autonómica Ana Miranda (número dous) e facianas novas, como a da concelleira de Soutomaior Olalla Obelleiro, que substituirá a Miguel Anxo Fernández Lores no último posto deste equipo.

Como se sente como novo candidato do BNG ás eleccións xerais?

Sinto unha gran responsabilidade. Foi unha proposta que xurdiu de aquí, da comarca de Pontevedra. Os compañeiros pensaron que eu era a persoa idónea para encabezar esta lista. Iso obrígame a estar á altura dun reto tan importante e difícil. Tamén estou con moita ilusión para convencer ó electorado de que o BNG é unha forza útil e necesaria e de que pode confiar nela. Con nós, Galicia estará presente en Madrid, porque neste últimos meses non foi así.

Di que a súa candidatura foi unha proposta da comarca. Non foi unha imposición de Lores?

Non, non. As propostas saen dende abaixo, das comarcas. Foi unha cousa que se valorou a nivel interno e a xente de Pontevedra entendeu que eu era a persoa idónea. Isto tamén é un recoñecemento a un labor colectivo, porque Pontevedra é unha referencia para o BNG a nivel galego. Non só polo Goberno municipal, que é unha referencia en Galicia e a nivel internacional, senón tamén porque temos unha comarca moi dinámica e potente con varias alcaldías, como a de Barro ou a de Poio. Pontevedra fai valer o seu peso político no BNG para encabezar unha candidatura, como neste caso.

Que achegará vostede á candidatura que non teña achegado Carme Adán nas anteriores eleccións?

Isto non é unha cuestión de nomes, senón de representar unha organización política que ten que estar en Madrid. As cualidades duns ou doutros, son como son. Cada un ten o seu perfil. Carme Adán fixo un gran labor, foi unha boa candidata e eu tamén espero estar á altura deste posto.

Sobre a saída do Concello: "Non teño preocupación porque no BNG hai bimbios para construír ideas e proxectos para o futuro de Pontevedra"

E Nós-Candidatura Galega (a marca coa que o BNG se presentou ás xerais de decembro) foi un fracaso...

Non podemos negar que tivemos un resultado malo, un revés. Agora estamos nunha fase nova, de fortalecemento do BNG a través do proceso Adiante. E a nosa función, e a miña tamén, é ilusionar e motivar á xente que está no BNG e á que ten sensibilidade nacionalista e que pensa que é útil para o país que o Bloque estea en Madrid.

Hai unhas semanas o BNG arroupou en Pontevedra a Ana Pontón como candidata á Xunta. Nese acto axitouse a bandeira do independentismo. Farase o mesmo na campaña para o 26 de xuño?

Nós imos facer unha campaña en positivo, centrada nas potencialidades que ten Galicia, que é un país con futuro. Vivimos unha situación dramática de emerxencia social. Pensamos que coas nosas propias forzas, co traballo das forzas políticas do país e sen que nos esmaguen, podemos saír adiante.

No hipotético caso de que vostede se converta en deputado, abandonará a vida municipal?

No caso de obter representación, a presenza no Parlamento español esixe unha dedicación absoluta. Aínda que legalmente sexa compatible, na práctica é incompatible ser deputado e concelleiro. O Concello require moitas horas e dedicación. Sería unha fraude á xente de Pontevedra intentar representala estando en Madrid.

Vostede é un dos edís máis activos do equipo de Lores. Cre que a súa marcha a Madrid provocaría un gran buraco no Concello?

Non. Temos un equipo moi polivalente, moi cohesionado, onde cambiamos de funcións moi facilmente. Temos experiencia na política municipal que nos permite substituír as ausencias. Non teño preocupación porque no BNG hai bimbios para construír ideas e proxectos de futuro para Pontevedra.

Houbo algunha xente coa que traballa a diario á que lle sorprendeu a súa candidatura.

A miña filla, que está militando no BNG, tamén levou unha sorpresa. Estas cousas ás veces lévanse con discreción e non se comentan. Só coa xente máis próxima. En todo caso, eu sinto, tanto fóra como dentro do BNG e no propio Concello, moita forza e moita enerxía. Teño o depósito da enerxía e da ilusión cheo. Síntome moi arroupado. Algunha persoa di que ten mágoa de que marche, pero eu non asumiría este reto se non sentira esa forza detrás.

Cal cre que será o seu rival nas eleccións: o propio Bloque ou as ‘mareas’?

O rival é a capacidade que teñamos para transmitir a nosa mensaxe: que esteamos en Madrid será positivo para Galicia.

Comentarios