Pontevedra Flúe volverá ser referente de renaturalización e loita contra o cambio climático

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, viaxará á capital dos Alpes franceses a vindeira fin de semana para participar na mesa redonda Compartindo Perspectivas: Longa vida á natureza na cidade!
A comisaria europea Elisa Ferreira con Iván Puentes no Cities Forum celebrado en Turín. CEDIDA
photo_camera A comisaria europea Elisa Ferreira con Iván Puentes no Cities Forum celebrado en Turín. CEDIDA

Despois de reivindicarse no Cities Forum celebrado en Turín o pasado mes de marzo e de ter despertado incluso o interese da propia comisaria de Cohesión e Reformas da Unión Europea, Elisa Ferreira, a estratexia de renaturalización e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe volverá converterse en referente internacional na Biennalle des Villes en Transition, que acollerá a cidade francesa de Grenoble entre os vindeiros días 8 e 11 de xuño.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, impulsor da revolución verde de azul no noso municipio, viaxará á capital dos Alpes franceses esta fin de semana para participar nun coloquio organizado dentro deste foro baixo o título Sharing Perspectives: Long live nature in the city! (Compartindo Perspectivas: Longa vida á natureza na cidade!). A mesa redonda, que Puentes compartirá con Simone Raskob, concelleira da cidade de Essen (Alemaña); Henry Cáceres, director do departamento Barranquilla Verde da cidade de Barranquilla (Colombia), e Thierry Chastagner, moderador e concelleiro de Grenoble, celebrarase o sábado 10 de xuño ás 10:00 horas no Parque Georges Pompidou.

Ademais da asistencia a outros eventos e actividades que se desenvolverán dentro desta Bienal de Cidades en Transición, a axenda do concelleiro socialista para esta xornada tamén contempla un encontro ás 17:30 horas co alcalde de Grenoble, Eric Piolle, do partido ecoloxista Europe Écologie Les Verts. Segundo avanza Iván Puentes, "esta reunión servirá para buscar sinerxías, colaboración e intercambio de experiencias co mandatario dunha urbe que foi Capital Verde Europea en 2022 e que se ten convertido nun dos maiores escaparates mundiais da sostibilidade".

O socialista tamén manterá un encontro co alcalde de Grenoble, Eric Piolle, do partido ecoloxista Europe Écologie Les Verts

Non obstante, en base aos datos do Observatorio Auvergne-Rhône-Alpes, entre 2005 e 2018, Grenoble foi quen de reducir nun 30% as súas emisións de gases de efecto invernadoiro, un índice que, segundo a Comisión Europea, agarda elevar até o 50% para 2030.

Tal e como subliña o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, "a presenza da nosa cidade neste tipo de foros, que reúnen aos principais actores internacionais nos eidos da renaturalización dos espazos urbanos, o reverdecemento das cidades e a loita contra os efectos do cambio climático, converteuse en algo cada vez máis habitual grazas aos pioneiros proxectos impulsados a través da estratexia Pontevedra Flúe e á nosa inclusión na alianza do Partnership Greening Cities da Unión Europea (que celebrará a súa seguinte reunión na cidade sueca de Malmö o 16 de xuño, nun encontro ao que Puentes tamén foi convidado)".

"Non só temos acceso de primeira man aos criterios e directrices que marcarán as adxudicacións dos vindeiros fondos europeos, senón que formamos parten, cunha voz moi activa, dese selecto club de cidades que axudarán a confeccionar as normativas verdes da UE. Cuestións nas que estamos a traballar, como o noso Plan de Infraestruturas Verdes, mesmo servirá de referente para o resto de socios que forman parte das Greening Cities (entre os que se inclúen urbes como Roma, Lisboa, Utrecht ou Tampere)", asegura Puentes.