"Necesitamos a memoria da xente boa"

O Teatro Principal acolleu o acto A Pontevedra boa e xenerosa para recordar ás persoas solidarias cos represaliados tras o golpe de Estado de 1936 ▶Tratouse dunha celebración para festexar a "vitoria póstuma e serodia" dos que padeceron o fascismo, tal e como a definiu o concelleiro Luís Bará

Consuelo e Ramón acabaron no paredón por refuxiaren no alboio da casa ao seu cuñado e outro compañeiro. A Florinda arrastrárona polos pelos en Salcedo e logo rapárona por axudar aos que estaban agochados. Custodia Gama varreu as rúas da cidade coa cabeza rapada e pasou 40 días no calabozo por non dicir onde se agochaban os seus irmáns. A elas e a todas as persoas solidarias que tras o golpe de estado de 1936 axudaron aos fuxidos estaba dedicado o acto que se celebrou este luns no Teatro Principal. "Necesitamos a memoria da xente boa e xenerosa para ser mellores", afirmou o alcalde.

Boa e Xenerosa era o nome da cita, que facía alusión a quen se arriscou por axudar a outros naqueles anos. O programa A Memoria das Mulleres, posto en marcha pola Concellería de Patrimonio Histórico e Memoria, dirixida por Luís Bará, foi o encargado de rescatar todas estas historias. No acto do luns estivo presente o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, así como outros membros da Corporación, entre eles Agustín Fernández.

No acto, que foi conducido pola xornalista Susana Pedreira, repasáronse as historias de mulleres que prestaron axuda aos presos do cárcere de Figueirido, achegándolles comida, roupa ou tabaco. A familia de Lali Carro aínda conserva caixas de madeira con fotografías dos presos en agradecemento polas súas achegas.

Ademais, recordouse o labor de moitas mulleres que amadriñaban presos da Illa de San Simón. Neste apartado, recordouse o labor do médico pontevedrés Celestino Poza, preso no citado penal, que curou tanto a compañeiros encarcerados como aos propios gardas. Outro nome propio que foi homenaxeado este luns foi o do médico de Xeve José Costas Lorenzo, que acudía co seu cabalo a atender aos fuxidos que se atopaban feridos. Con el levaba á súa afillada Ángeles, aínda nena, para despistar aos gardas. A súa neta, María Tilve, explicou no encontro como o seu avó se organizaba co cura de Xeve para levar atención e medicamentos aos fuxidos mediante un código de sabas penduradas na casa "que nunca entendín".

Pedreira falou tamén do caso de Adela Velasco, unha presa común que coincidiu no cárcere con Isaura Pazos, que chegou á Normal (convertida en penal) por ter agochado ao seu home na cociña. Cando Adela saíu da prisión mantivo á filla de Isaura durante anos e, cando esta saíu do cárcere, acolleuna tamén a ela.

Pero non se tratou dun encontro triste, tal e como proclamou o concelleiro Luís Bará, que quixo que o do luns se convertira nunha "vitoria póstuma e serodia" dos que padeceron a barbarie fascista. Por iso houbo música de Lucía Veloso, Álvaro Cardalda e Manolo Dopico.

Comentarios