Pontevedra homenaxea a Carlos Casares

O autor ourensán deixou a súa pegada en Pontevedra. Fíxoo da man do escultor César Lombera, que o esculpiu xunto a Castelao, Bóveda ou Cabanillas unha tertulia no Café Moderno
Escultura de Carlos Casares na Praza de San Xosé
photo_camera Escultura de Carlos Casares na Praza de San Xosé

Máis apegado a Ourense, Santiago ou Vigo, Carlos Casares (Ourense, 1941 -A Ramallosa, Nigrán, 2002) deixou a súa pegada en Pontevedra. Fíxoo da man do escultor César Lombera, que o esculpiu xunto a Castelao, Bóveda, Cabanillas, Paz Andrade e Quiroga nunha tertulia do Café Moderno. A peza, artellada arredor dunha idea de Lores e do ex-concelleiro socialista Roberto Taboada, quería homenaxear aos intelectuais do século XX habituais nas conversas do café pontevedrés. Fíxoa Caixa Galicia e quedou inaugurada en 2006 na Praza de San Xosé. No interior do propio Moderno consérvase unha réplica a cor, que habitualmente está no interior da cafetería, aínda que estes días foi trasladada ao primeiro andar co gallo dunha actividade realizada polo Día das Letras Galegas. Velaí a presenza permanente de Carlos Casares en Pontevedra, unha presenza que hoxe se incrementa co 17 de maio a el adicado.

Flores, música e textos literarios servirán para homenaxear ao autor distinguido pola Real Academia Galega. O acto central en Pontevedra corre a conta da asociación socio-cultural O Burgo Como vén sendo habitual, o colectivo montará unha alfombra floral na honra do autor na Praza de Curros Enríquez. Diante dela terá lugar, a partir das 19.30 horas, un acto no que se contará con actuacións musicais, discursos e lectura de textos. Un grupo de gaitas, a Coral de Sobradelo (Vilagarcía), o Coro do Burgo e a Banda de Música ocuparanse da parte musical. O presidente de O Burgo e o alcalde da cidade lerán cadanseu discurso. Ademais, distintos persoeiros e cidadáns participarán nun recitado colectivo.

XEVE. A celebración do Día das Letras Galegas en Pontevedra volverá contar coas partidas simultáneas de xadrez na Praza de Santa María, dende as 10.30 horas. A actividade, organizada pola asociación de veciños Santa María e pola Escola de Xadrez de Pontevedra, é xa tradicional nesta data. O que é unha novidade é a incorporación da parroquia de Xeve á celebración cun programa propio de propostas.

Pola mañá, ás 10.00 horas, realizarase unha andaina ao Pazo Gondar, dende o Centro Cultural de Santa María. "Leva a túa poesía para a lectura", pregan os organizadores. Despois, cara as 14.30 horas, terá lugar un xantar popular (para o que se precisaba de inscrición previa).

Á tarde haberá unha lectura dramatizada na honra de Carlos Casares, na que participará a violinista Marina Hermida. Será ás 16.30 horas. Tamén no Centro Cultural de Santa María terá lugar un concerto do Coro de Xeve ás 19.00 horas. A programación, organizada por Sondexeve, inclúe ademais xogos populares toda a xornada.

A todas as propostas que se levan a cabo en Pontevedra hai que sumar as da comarca e do resto da provincia. Poio, Marín, Bueu e Sanxenxo, entre outros concellos, celebran o Día das Letras Galegas con actividades propias.

En Poio hai propostas en Raxó e en Combarro. En Marín, o Museo Manuel Torres acollerá ao mediodía a entrega dos premios dos certames de poesía para escolares e para adultos, organizados polo Concello. Seguidamente, o Ateneo Santa Cecilia convocará o III Certame de Relato Curto. En Bueu celébrase a Romería das Letras Galegas de Sanamedio (Bon, Beluso), no que terá especial protagonismo a poetisa Miriam Ferradáns, natural de Bon. Entre outros, actuarán o Grupo de Danzas Pais de San Roque con Os Liboreiros e o Grupo Folclórico Anaquiños.

Finalmente, en Sanxenxo, baixo o título xenérico de Casares e Cantares, terá lugar unha lectura pública de textos do escritor a quen este ano se lle adica o Día das Letras Galegas. Será o alcalde, Gonzalo Pita, o que abra a lectura na que participarán varios membros do Goberno local e á que están convidados todos os integrantes da Corporación e os veciños en xeral. Trala lectura pública darase paso á actuación do grupo Onte e Hoxe, que interpreta temas en lingua galega.

Comentarios