Unha cor, a violeta. Unha flor, a camelia de nome Rosalía. Unha voz, a de Uxía. Uns versos, os da autora de Follas Novas en boca dun grupo de nenos e nenas do CEIP Xunqueira 1. Foi o acto de homenaxe que acolleu o Pazo da Deputación Provincial para render homenaxe a Rosalía de Castro no 184 aniversario do seu nacemento.
A presidenta do ente provincial, Carmela Silva; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a Subdelegada do Goberno, Maica Larriba, ou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, participaron neste acto institucional, ademais de representantes da cultura, arte e igualdade, que quixeron compartir esta xornada, que tivo a súa continuación coa proxección da imaxe e do pensamento da autora nas fachadas da Deputación.
Reivindicar a vixencia do pensamento feminista e reivindicativo rosaliano foi a fin dun acto que se iniciou cun vídeo proxectado con varios dos seus escritos e que deu paso á actuación musical de Uxía, acompañada de Sergio Tannus (guitarra) e Santiago Cribeiro (acordeón), que interpretaron tres temas: Rosalía pequeniña, a versión de Narf de Bos Amores e Deiche o corazón na man. Como destacou a cantante, "para nós a figura de Rosalía é reverencial, e unha figura totalmente vixente, o reto que temos agora é que sexa universal".
Un sentimento que compartiron nas súas intervencións a presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. "Rosalía é como Galicia . É nome de muller, epítome da muller galega adiantada ao seu tempo, loitadora, inconformista. Está máis presente que nunca porque o seu pensamento é un pensamento sempre vixente. Rosalía é nosa e é universal, porque o seu pensamento o era", salientou a presidenta.
A cantante Uxía dedicou a súa actuación ao músico Narf. DP
► Máis información, na edición impresa deste xoves de Diario de Pontevedra