jueves. 27.02.2020 |
El tiempo
jueves. 27.02.2020
El tiempo

Pontevedra honrará as mulleres da súa historia cun mural de 30 metros de lonxitude

Luís Bará sostiene el mural. JAVIER CERVERA
Luís Bará sostiene el mural. JAVIER CERVERA

Rei Zentolo, Polo Correo do Vento, Tania Solla e Rebeca Cierto realizarán a obra durante o mes de maio na esquina das rúas Joaquín Costa e Poza dos Canos

Da navegante Isabel Barreto á activista ecoloxista Nené González pasando pola mestra Ernestina Otero, a viúva de Alexandre Bóveda, Amalia Álvarez, e a escritora María Victoria Moreno, 22 mulleres destacadas da historia de Pontevedra serán homenaxeadas nun mural de algo máis de 30 metros de lonxitude e 4 metros de alto que o Concello realizará na esquina que une as rúas Joaquín Costa e Poza dos Canos. A obra será levada a cabo entre dous colectivos da cidade, o dos deseñadores Rei Zentolo e o dos autores de Polo Correo do Vento, coa colaboración da ilustradora Tania Solla e da pintora Rebeca Cierto. Farana ao longo do mes de maio. "Contamos con que estea rematada a comezos de xuño, pero dependemos das condicións meteorolóxicas", explicou onte Pablo 'Zentolo', un dos artistas que realizará o traballo e que presentou o proxecto compañado por Tania Solla e o concelleiro que o impulsa, Luís Bará

Foi precisamente Bará o que explicou que este mural se enmarca no programa municipal A memoria das mulleres, que traballa na reivindicación das figuras femininas da cidade dende distintas perspectivas. Unha delas aspira a construír un mapa simbólico de Pontevedra no que as mulleres cobren protagonismo ben con actuacións como a da realización do mural, ben introducindo nomes femininos no rueiro, entre outras cousas.

O concelleiro destacou o aspecto "pedagóxico" dunha obra, que aspira a completar cunha guía didáctica e que, ademais de homenaxear a mulleres destacadas da historia da cidade, tamén incluirá os nomes doutras figuras a reivindicar como a traballadora do Pontevedra C.F. Dolores Calviño 'A Señora Lola', a empresaria Clara López de Almacéns Clarita ou a represaliada Custodia Gama e mesmo representantes de colectivos e oficios como o das mariscadoras ou o das palilleiras.

Pontevedra honrará as mulleres da súa historia cun mural de 30...
Comentarios