Pontevedra iniciará o luns as obras de acondicionamento do centro

Estas actuacións levaranse a cabo baixo estritos protocolos de seguridade tanto para os traballadores como para a veciñanza
Reunión da concelleira Eva Vilaverde cos responsables da adxudicataria. DP
photo_camera Reunión da concelleira Eva Vilaverde cos responsables da adxudicataria. DP

Coa premisa de velar pola seguridade e a saúde das persoas e de minorizar as molestias das obras para a veciñanza confinada como punto de partida, acordouse este martes o inicio das obras de acondicionamento de espazos públicos urbanos.

A concelleira responsable do Mantemento dos Espazos Públicos Urbanos, Eva Vilaverde, mantivo unha xuntanza co equipo técnico municipal e con responsables da empresa Covsa, adxudicataria deste contrato, para coordinar o inicio destas actuacións en relación aos protocolos de seguridade e prevención de riscos derivados da Covid-19.

Así, nesta xuntanza decidiuse realizar as actuacións máis urxentes e necesarias de cara a ter os espazos urbanos en perfecto estado de revista de cara ao levantamento do estado de alarma. Determinouse como data de inicio das actuacións o vindeiro luns, 20 de abril, e comezar pola denominada zona 1, que abrangue o centro da cidade, por tratarse da zona na que se prevé que sexa onde primeiro se vaia incorporando a xente á rúa tras o confinamento domiciliario.

ACTUACIÓNS. Os traballos que se levarán a cabo están relacionadas sobre todo cos arranxos de pavimento deteriorado ou que poida ocasionar algún tipo de risco, aproveitando o menor tránsito de persoas na rúa nestes momentos. Tamén, e atendendo ao descenso de tráfico rodado, se actuará para solventar deterioros e pequenos afundimentos nas entradas de garaxes; así como a revisión e reparación do firme nas contornas dos rexistros. Tamén se contempla o arranxo de elementos de mobiliario urbano que poidan supoñer algún tipo de perigo para as persoas que o utilizan.

Para o mantemento de espazos públicos urbanos, a concellaría que dirixe Vilaverde, dividiu a cidade en 11 zonas nas que se inclúen algo máis de 370 rúas. Estes traballos contan cun orzamento de 450.000 euros. A zona 1 abranque as rúas máis comerciais da cidade, da contorna de Benito Corbal ata a pasarela e ata o Concello.

Comentarios