Figuras de chocolate de gran formato elaboradas cunha impresora 3D, un triciclo anfibio eléctrico para transportar persoas en cadeiras de rodas, un programa de recetas saudables dirixido a escolares... A innovación pontevedresa destaca na Cidade da Cultura, onde entre este mércores e o venres se está a celebrar o Congreso FP Innova Galicia 2023. Trátase dun evento de difusión da innovación didáctica e tecnolóxica, da transferencia do coñecemento e da capacidade de emprender na que está inmersa a Formación Profesional de Galicia, segundo explica a Consellería de Educación.
Tanto o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como o conselleiro, Román Rodríguez, e a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitaron os stands tanto do CIFP Carlos Oroza como do IES Montecelo, que presentan, materializadas, as ideas premiadas antes da pandemia.
A Mesa do Oroza é un proxecto de innovación metodolóxica, que pretende concienciar a través de sinxelas recetas o xeito en que a rapazada aprende a cociñar, lembra a vicedirectora, Pilar Tallón. Trátase do deseño e produción duns programas de cociña para escolares de Primaria nos que se poñen en valor cuestións como a lingua galega, os produtos quilómetro cero, o reaproveitamento dos alimentos, a dieta atlántica ou a importancia das empresas produtoras con responsabilidade social corporativa entre outros. Da parte técnica encargouse o CIFP Imaxe e Son da Coruña.
O obxectivo é "fomentar a educación en valores e a conciencia social desde idades temperás, a través da cociña e a alimentación", así como "rescatar a riqueza gastronómica da rexión galega, e poñela en valor como elemento de identidade e patrimonio cultural". Os programas son de curta dirección, con receitas adaptadas á súa idade e unha metodoloxía innovadora.
Como complemento a esta alimentación, o alumnado de actividades físicas y deportivas que se formaba no IES do Carril de Vilagarcía, deseñou unas actividades físicas moi sinxelas que pretenden espertar o interese pola actividade física en familia cunha proposta diferente e divertida.
Ferramenta revolucionaria: chocolate en tres dimensións
Por outra banda, o CIFP Carlos Oroza presenta tamén "a primeira impresora 3D de alimentos para a produción de pezas de gran formato en chocolate que temos en España", subliña, pois "tras varios intentos" esta foi "a primeira vez que se logrou".
A impresora 3D que presentaron, co profesor José Luis Fernández Lubiáns á cabeza, é "unha ferramenta revolucionaria para a produción de pezas de chocolate de alta calidade". Grazas á tecnoloxía de impresión en 3D, o Oroza logrou imprimir pezas de chocolate de gran tamaño cunha precisión e detalle sen precedentes.
Teño un par de compañeiros profesores de pastelería que son uns artistas. Ademais sempre andan na procura das últimas tendencias, insisten e persisten ata conseguir o que queren. Aquí unha mostra: impresora 3d que fai a figura que lle mandes en chocolate. A historia non entra pic.twitter.com/D5I1h2etpv
— Profesor FP - Ricardo Fernández Guerra (@profesorFP) February 24, 2023
"Esta innovación supón un gran avance para a industria alimentaria e é a primeira vez que se logra nunha escola de hostalería en España", pois é unha ferramenta "de alta precisión" que utiliza chocolate de alta calidade para producir pezas de gran formato. Os deseños realízanse nun computador e imprímense en 3D utilizando unha embocadura especial que permite a creación de pezas únicas e personalizadas que non se poden conseguir con métodos tradicionais.
O potencial da tecnoloxía de impresión en 3D na industria alimentaria non quedará aquí, subliña o centro, xa que o que se pretende e seguir innovando con outro tipo de productos alimentarios como purés, salsas e outros componentes alimentarios.
Un vehículo para ir en cadeira de rodas
O IES Montecelo tamén participa en FP Innova Galicia con dous proxectos. Un deles é a Axencia de publicidade Propio, dirixida ao ámbito literario, capitaneado por Gloria Abalo, titulada no CS en Deseño e Xestión da Produción Gráfica.
O outro é o famoso Aquamóbil Adapt, ideado en 2019 mediante unha colaboración con Amencer-Aspace. Trátase dun triciclo anfibio con motor eléctrico para persoas en cadeira de rodas que foi deseñado e construído por alumnado de FP básica. No congreso está causando unha "boa sensación", subliña o director, Miguel Carballa, quen lembrou que o vehículo quedara practicamente rematado antes da pandemia, pero foi o estudantado deste curso, de 2º de Automoción de FP básica, o que o puxo a punto agora.
Un destes rapaces é Sofián Aboufaras. "Lo más difícil ya estaba hecho -explica-. Nosotros lo terminamos. Le pusimos fusibles, cables, luces...". A acollida, sinala, é espectacular. "No paran de preguntar, está gustando mucho". De feito, apuntou Carballa, convidáronos a participar no Galicia Maker Faire, prevista para o mes de xuño.