Pontevedra, marabillada polos ritmos de Andrea Motis

A trompetista catalá amenizou a noite de onte na Praza da Ferraría con jazz clásico e mostrou o seu novo álbum de inspiración funk
Andrea Motis coa súa banda durante o concerto de onte. ANXO LORENZO
photo_camera Andrea Motis coa súa banda durante o concerto de onte. ANXO LORENZO

A Praza da Ferrería volveuse encher na terceira xornada do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, grazas á exquisita interpretación de Andrea Motis e a súa banda.

A catalá de éxito internacional comezou o concerto cun ton tranquilo, pero con moita personalidade e aproveitou, ao finalizar as primeiras pezas, para a dar as grazas á organización do festival, ademais de loar as vistas da praza e das súas xentes. "Ojalá pudierais ver desde aquí arriba la postal tan bonita que veo yo desde aquí. Con tanta acogida", dixo a artista, que recibiu calurosos aplausos e ovacións en cada unha das súas interpretacións.

Motis estivo acompañada por Christoph Mallinger no violín, mandolina e guitarra; Arecio Smith nos teclados, Steph Kondert no baixo eléctrico e Juan Rodríguez Berbín na batería.

Todos xuntos conseguiron non só encher a praza principal de Pontevedra, senón que tamén conquistaron os corazóns dos pontevedreses de todas as idades, nunha noite estival acolledora polas temperaturas e o bo ambiente que non deixou indiferente a ningúen que pasase pola zona.

Coa actuación de Andrea Motis comezaron os días máis grandes do festival pontevedrés, a cuxo escenario se sobe este sábado Ida Nielsen e mañá Samantha Fish.

Comentarios