Pontevedra mostra a súa cara máis solidaria

Oito restaurantes do Grupo Nove realizan un showcooking multitudinario no Pazo da Cultura a beneficio da asociación de bombeiros que traballa en Lesbos ►"É imposible mirar para outro lado", di Alberto Agrelo
Unha vista xeral do servizo no vestíbulo do Pazo
photo_camera Unha vista xeral do servizo no vestíbulo do Pazo

"Todos os cartos que se recaden son poucos". Centos de persoas ateigaron este luns o vestíbulo do Pazo da Cultura de Pontevedra para participar no showcooking que oito restaurantes do Grupo Nove, entre eles Eirado da Leña, Casa Solla e Pandemonium, realizaron a beneficio dos bombeiros que traballan en Lesbos con refuxiados, agrupados na asociación Proemaid. Unha delas era Lourdes Rey. "Aínda que isto de aquí hoxe sexa como unha gotiña de auga no océano, hai que vir. É unha vergoña que estea morrendo xente a moreas todos os días no océano e que Europa estea apoltronada sen facer nada".

Detrás da iniciativa estaban dous grovenses, o cociñeiro Javier Olleros e o bombeiro Alberto Agrelo. "Eu, por desgraza, espero agora mesmo bastante pouco dos políticos", comentaba o chef de Culler de Pau (restaurante posuídor dunha estrela Michelin). "A sociedade ten que empezar a facerse cargo de que este tipo de problemas son de todos. Non se pode limitar un a encher a boca con palabras como solidariedade, unión, sociedade avanzada, igualdade... Hai que facer algo, cambiar cousas. Porque, se non, imos para atrás". Olleros "involucrouse dende o minuto un e totalmente", segundo conta Agrelo, na iniciativa. "Porque eu son fillo de emigrantes. Meu pai, con 15 anos, tiña a mesma cara que os rapaces que se poden ver nesas fotos", explicaba o cociñeiro sinalando as imaxes tomadas a refuxiados sirios, sobre o terreo, por Óscar Vífer, que se expuxeron no Pazo como parte da proposta. "Marchou orfo de pais. Despois dunha guerra. Só lle fixo falta unha persoa que o axudase".

"Lo que te marca es la desesperanza", di o bombeiro sevillano José Antonio Reina. "Es como si te cogieran el corazón y lo estrujaran"

SEMENTE. O cociñeiro mostrábase o luns moi emocionado coa resposta do público á iniciativa. "Isto ten que ser unha semente. Non podemos permitir que desapareza o valor máis grande dunha sociedade avanzada, que é a humanidade. O que lle pasa a esa xente pódenos pasar a nós, vai vir de volta dalgunha maneira, vainos facer falta axuda e, cando a pidamos, vai ter que haber alguén aí. Estou moi orgulloso do que está pasando hoxe aquí".

Tamén estaba emocionado o presidente de Proemaid, o bombeiro sevillano José Antonio Reina, que se desprazou ata Pontevedra para apoiar o acto. "Es increíble la energía que desprende un evento como este. Sólo puedo dar las gracias. Estoy, de verdad, abrumado", dicía. "Todo suma. Todo ayuda a cerrar el círculo: nosotros somos personas que van a ayudar a personas y aquí estáis otras personas ayudándonos a nosotros".

Reina contou como o traballo en Lesbos o marcou profundamente a el e a compañeiros curtidos como bombeiros con dez e vinte anos de experiencia. "No se trata sólo de la violencia de lo que ves, de la miseria, lo que te marca es la desesperanza. Es como si te cogieran el corazón y te lo estrujaran".

Alberto Agrelo foi o pasado mes de abril a Lesbos. "Cando volvín a casa era incapaz de estar sentado no sofá sen facer nada". Volverá o próximo mes de febreiro. "É imposible mirar para outro lado". Todo o que se recadou o luns no Pazo irá integramente para a súa asociación, Professional Emergency Aid (Proemaid). Colaboraron Grupo Nove, cervexas Mahou, albariño Pazo Pondal, A Despensa, Pepe Solla, Nico Pastoriza e Juanjo Figueroa, que deron un concerto, e o Concello de Pontevedra. O diñeiro destinarase a sufragar os gastos dos bombeiros, "pero fundamentalmente a mercar os motores que necesitamos para unha lancha de rescate que mercamos, que temos parada e queremos poñer na auga canto antes".