Pontevedra non deixa cabos soltos

A iniciativa municipal que promove música en directo en pequenos locais celebra o seu nacemento con 33 actuacións en 25 espazos

Flip Corale no Tabula Rasa. RAFA FARIÑA
photo_camera Flip Corale no Tabula Rasa. RAFA FARIÑA

Coa actuación de Los jinetes del trópico, ao mediodía, no Bar Pavero do Campiño de Santa María, botaba a andar este sábado a gran festa inaugural da iniciativa municipal Cabos Soltos, unha proposta da Concellería de Promoción Económica que pretende amparar a música en directo en locais pequenos da cidade trala entrada en vigor da nova Lei de Espectáculos de Galicia, máis esixente en canto a cuestións de seguridade que a normativa anterior.

A Los jinetes del trópico seguiulle Déborah Vukusic en A adega dos avós, Galos do curral en El Pecado, Flip Corale no Tabula Rasa, Santi Araújo en El Pequeño... E así ata 33 artistas e grupos en 25 establecementos de Pontevedra ao longo de todo o día. Todo de balde. As actuacións remataron cara a medianoite con Uncle Doc e N. Skillzz en The Groove House.

ANABEL GULÍAS. O programa Cabos Soltos presentouse por parte da concelleira Anabel Gulías como un proxecto que axudaría aos pequenos locais de ocio da cidade a seguir programando concertos e actividades culturais en directo coa axuda do Concello, que asume a responsabilidade deses eventos nos espazos que quixeron unirse á iniciativa e que cumpriron cos requisitos esixidos (correctas instalacións eléctricas, disposición de saídas de emerxencia, cota de artistas locais, etc.).

Para celebrar a posta en marcha da proposta, o Concello organizou tres días de actividades que comezaron o pasado xoves cun concerto do músico cántabro Ángel Stanich na sala Karma. O artista presentou en directo, nun concerto con entrada libre, o seu último traballo, "Antigua y barduda".

O xoves tamén comezaron, na Casa da Luz, uns encontros técnicos, que se prolongaron durante dous días e nos que participaron músicos, xornalistas, avogados e promotores, entre outros.

O venres houbo ademais outras dúas actuacións. Por unha banda, o Café Moderno acolleu o espectáculo "Teatro es comedia" da compañía 8mm e, por outra, El Pequeño, un concerto de Félix Arias (ex Lovely Luna e Guru Deva).

Os actos de presentación remataron coa xornada festiva de este sábado por toda a cidade.