domingo. 20.09.2020 |
El tiempo
domingo. 20.09.2020
El tiempo

Pontevedra non deixa de rebulir

Pasarrúas do espectáculo de animación itinerante 'Fantasía', da compañía Kepler T&T ao seu paso polo casco histórico da cidade. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Pasarrúas do espectáculo de animación itinerante 'Fantasía', da compañía Kepler T&T ao seu paso polo casco histórico da cidade. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Este mércores, ás 20.00 horas, continúa o programa festivo na rúa coa estrea de A gran viaxe, de Inventi Teatro. Ás 21.00 horas, a compañía Troula tomará o relevo co seu espectáculo Lume, que tamén percorrerá as rúas e prazas da Boa Vila

O programa de animación itinerante A Rebulir!, enmarcado na programación de verán do concello, continuou o martes coa súa segunda xornada. As actividades comezaron ás 20.00 horas coa proposta da compañía Rivel Animación nomeada Baixo o mar, que percorreu diversas rúas e prazas da cidade de Pontevedra para o goce dos máis cativos e de aqueles que xa non o son tanto. Xa ás 21.00 horas tomaba o relevo Kepler T&T con Fantasía tamén a modo de pasarrúas polo centro histórico e as zonas peonís do ensanche pontevedrés.

En ambos os dous casos, e do mesmo xeito que no resto de actuacións que compoñen este ciclo, tanto o lugar de partida como o percorrido que ían seguir as animacións foron datos descoñecidos polo público en todo momento, co fin de que calquera que estivese a dar un paseo por Pontevedra durante a duración dos espectáculos se atopase coa proposta e non ao revés, evitando así as aglomeracións. Amais, os propios itinerarios tamén estiveron abertos ao cambio , se as propias compañías o consideraban oportuno en función das circunstancias coas que se podían ir atopando. Por outra banda, e co obxectivo de primar as medidas de seguridade, desbotáronse calquera tipo de espectáculo especial tanto ao comezo como ao final, as paradas in media res ou a interacción co público que adoitan caracterizar este tipo de propostas, como a tradicional Itineranta de anos pasados.

AMAIS. Ao longo da xeira deste mércores será a quenda de Inventi Teatro, quen ás 20.00 horas estrearán A gran viaxe. A continuación será Troula Animación, a coordinadora deste ciclo, quen leve ás 21.00 o seu espectáculo Lume ao gran escenario no que se ten convertido toda a cidade de Pontevedra. Un escenario ao aire libre que percorrerá o xoves, primeiro ás 20.00 horas A musicleta e os instrumentos máxicos de Pulpiño de Viascón, e despois, ás 21.00, Artimonium coa súa Ruada Animal. O A Rebulir!, que comezou o pasado luns, durará até este venres sete de agosto, día no que o clausurarán Barafunda con O séquito do capitán Nemo ás 20.00 horas e o Tricirco de Páblo Méndez Performance ás 21.00. 

Pontevedra non deixa de rebulir
Comentarios