miércoles. 21.10.2020 |
El tiempo
miércoles. 21.10.2020
El tiempo

Pontevedra ofrecerá unha iluminación ornamental diaria na 'nova' ponte do Burgo

Proba de iluminacion na Ponte do Burgo. DP
Proba de iluminacion na Ponte do Burgo. DP
O vindeiro martes 4 será o arranque dunha "inauguración espallada" da remodelación da estrutura
 

As obras de posta en valor da ponte do Burgo rematan esta semana. Para a ocasión, o Concello de Pontevedra deseñou unha "inauguración espallada" ao longo do mes de agosto, co obxecto de dar cabida ao maior número posible de persoas atendendo ás medidas de distanciamento social.

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, explicou na mañá deste martes que o primeiro acto formal terá lugar o vindeiro martes 4 e continuará con roteiros os mércores 12, 19 e 26 de agosto.

O primeiro dos actos, o do día 4 de agosto, comezará ás dez da noite coa apertura da mostra sobre a Ponte do Burgo na que se fai un percorrido por todas as etapas históricas da infraestrutura e a súa relación coa cidade. Ás 22.30 farase o primeiro acendido monumental da ponte e ás 23.00  activarase unha iluminación ornamental con luces de cores que durará menos dun minuto. Este acendido ornamental repetirase todos os días á mesma hora.

Demetrio Gómez aproveitou para facer un chamamento á veciñanza para evitar aglomeracións indicando que haberá suficientes días e suficiente espazo para ver estes acendidos respectando o distanciamento social, xa que polas dúas beiras do río entre a ponte de Santiago e a ponte das Correntes hai 1,5 kilómetros.

En canto aos roteiros, que terán lugar os mércores 12, 19 e 26 de agosto, será preciso anotarse a partires de mañá na web do Concello. Contemplanse dous roteiros por día: un infantil entre as 19.00 e as 20.00 (para nenos a partir de 5 anos) e un de adultos entre as 21.00 e as 22:00 que rematará cun petisco no Mercado. Ademais, o Concello sinala nun comunicado que cada roteiro conta con 21 prazas.

Tecnoloxía de vangarda marca Pontevedra

"Se algunha pegada podía deixar a nosa xeración é ese traballo co alumeado que permite incorporar á ponte a máis absoluta modernidade recuperando o seu perfil orixinal" asegurou o edil.

O proxecto de iluminación da ponte inclúe luces na superficie encaixadas no pavimento, iluminación en altura con elementos integrados na varanda, e elementos para dar luz á base dos arcos mediante proxectores individuais que realzan a traza dos arcos.

Demetrio Gómez destacou que foi unha empresa de Pontevedra a que deseñou "estes elementos".

O proxecto está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (Edusi) Máis Modelo Urbano Pontevedra

Pontevedra ofrecerá unha iluminación ornamental diaria na 'nova'...
Comentarios