domingo. 20.10.2019 |
El tiempo
domingo. 20.10.2019
El tiempo

O Pontevedra pensa no futuro inmediato

O plantel do Pontevedra realizando carreira continua xunto a Luismi. DAVID FREIRE
O plantel do Pontevedra realizando carreira continua xunto a Luismi. DAVID FREIRE

O club traballa en renovacións e trocos da súa estrutura para a próxima campaña

O Pontevedra Club de Fútbol comeza xa a traballar na planificación da próxima temporada. A boa marcha do primeiro equipo granate, mergullado na pelexa por acadar unha posición de play-off de ascenso, permítelle á dirección deportiva da entidade comezar a dar pasos no plan de traballo de cara ao curso 2019-2020.

O planificación non afecta exclusivamente ao plantel profesional, que actualmente compite en Segunda División B, senón tamén a toda estrutura deportiva da institución e ás súas categorías base.

O dato
A meirande parte dos membros do primeiro plantel acaban contrato en xuño

Dous dos aspectos que prevé tratar o Pontevedra Club de Fútbol de maneira inminente e que afectarían ao primeiro equipo son o comezo das negociacións de renovación de contrato dos futbolistas máis apetecibles do primeiro equipo e o reforzo da secretaría técnica da entidade, para mellorar en labores de estudos do mercado, captación de deportistas e informes sobre os equipos rivais.

Canto á ampliación de contratos dos deportistas máis cualificados do primeiro equipo, algúns deles levan tempo confirmándose como un gran valor deportivo do Pontevedra e rematan o seu vencellamento contratual ao remate do curso. Nese grupo inclúense pezas imprescindibles para Luismi como Víctor Vázquez, David Castro ou Álex González.

Atención a...
O club granate valora incorporar máis técnicos á dirección deportiva

No segundo aspecto, o da incorporación de persoal á secretaría técnica, realizarase un seguemento a diferentes perfís de adestradores que poidan levar a cabo tarefas de coordinación. A finalidade é mellorar a información da que dispoña o club e a calidade de traballo para que a toma de decisións tamén sexa a máis adecuada.

BASE. Ademais daqueles aspectos sinalados, o Pontevedra tamén espera compoñer a estrutura de traballo para 2019 en tódalas súas áreas deportivas. Iso afecta á elección e asignación de labores dos técnicos do club: renovar os adestradores e asignar cal é o equipo máis conveniente para que cada un deles poida sacarlles o mellor rendemento.

O mellor
A entidade analiza xa as necesidades de futbolistas e técnicos para a súa canteira

O Pontevedra tamén comezará a traballar na composición dos planteis das diferentes categorías base e do propio filial, partindo dos futbolistas que forman actualmente da entidade e agregándolles outros procedentes de equipos da contorna aos que poida ser interesante captar, para mellorar os conxuntos no presente e formar futbolistas de cara ao futuro.

Tamén se prepara a renovación ou creación de posibles convenios con diferentes clubs ou concellos próximos cos que mantén relacións a entidade granate.

Calquera decisión debe estar vencellada á figura da dirección deportiva. Nese aspecto, o Pontevedra deberá determinar se Roberto Feáns continúa á fronte da parcela deportiva. O santiagués leva xa cinco anos no club.

O Pontevedra pensa no futuro inmediato
Comentarios