Pontevedra perde falantes e sitúase entre as cidades máis desgaleguizadas

O 41,06% da poboación emprega só o castelán e apenas un 8,38% fala galego sempre
Nenos en defensa do galego. ARQUIVO
photo_camera Unha imaxe dunha edición do Correlingua. ARQUIVO

A perda de falantes do galego continúa e agrávase nas cidades. En concreto, A Boa Vila e a súa contorna sitúanse como unha das áreas galegas máis desgaleguizada. Na cidade, un 23% de falantes que empregan a lingua propia de Galicia sempre ou maioritariamente, un punto por debaixo da porcentaxe da anterior enquisa, realizada en 2013, cando os galegofalantes representaban un 24,3%. Porén, a porcentaxe de persoas que empregan só o galego aumenta lixeiramente, pero segue a ser ínfima: un 8,38%. Pola contra, os falantes monolingües de castelán supoñen o 41% da poboación segundo a enquisa sobre coñecemento e uso do galego publicada onte polo Ige.

Na comarca de Pontevedra a porcentaxe de persoas que empregan sempre ou maioritariamente o galego ascende ao 38,82%. Porén, aínda que os datos sexan máis alentadores que os da cidade, a realidade é que a área de Pontevedra é a cuarta máis desgaleguizada do o país, por detrás da zona de Vigo, os arredores da Coruña e os de Ferrol. Chama especialmente a atención o caso da cidade olívica, cun 3,85% da poboación que fala só en galego, e da súa contorna, onde as persoas que empregan maioritariamente esta lingua representan o 25,5%, os nivel máis baixo en Galicia.

En canto a competencias, os pontevedreses tamén suspenden en coñecemento do seu propio idioma. Deste xeito, a poboación da provincia que considera que se desenvolve mellor en galego representa un 24,8%, fronte ao 43% que o fai mellor en castelán e o 32% que asegura ter competencias por igual nas dúas linguas. Porén, os datos mudan nos tramos por idades, de xeito que a xente máis nova se sente máis cómoda co castelán que co galego. Un exemplo: só o 5% dos nenos ata 14 anos e o 13% dos mozos entre 15 e 29 anos da provincia aseguran desenvolverse mellor en galego que en castelán. Os datos para o galego son peores na provincia de Pontevedra con respecto á media galega. Outras áreas como a Costa da Morte ou a zona da montaña de Lugo teñen unha maior presenza da lingua propia de Galicia. O perfil do galegofalante segue a ser, polo tanto, o dunha persoa de idade que vive no ámbito rural.

Comentarios