Pontevedra pon en valor a música clásica feita por mulleres

O Concello e a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra organizan un ciclo de conferencias e un gran concerto para destacar o traballo de destacadas artistas como Isabel Pérez Dobarro, Julia Dopico e Carmen Díez
Presentación do programa 'Mulleres e inspiración' coa concelleira Carme Fouces e  Judith Rey, vicepresidenta da Filharmónica. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Presentación do programa 'Mulleres e inspiración' coa concelleira Carme Fouces e Judith Rey, vicepresidenta da Filharmónica. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O traballo feito ao longo da historia por "músicas asombrosas e talentosas" terá un recoñecemento na capital da provincia. O Concello e a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra organizan o ciclo de actividades Mulleres e Inspiración, que se celebrará os primeiros días de xuño e que incluirá conferencias, unha masterclass, unha exposición e un gran concerto no que se poñerá en valor o traballo de insignes artistas como Isabel Pérez Dobarro, Julia Dopico, Carmen Díez, Clara Shumann ou Clàudia Dubé.

"Levamos case un ano traballando neste ambicioso proxecto", subliñou a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, quen presentou a iniciativa este luns xunto a Judith Rey, vicepresidenta da Filharmónica e autora dunha traballada investigación sobre as protagonistas femininas da historia da música que se convertirá nunha exposición –e nunha web coa información ampliada– que se poderá ver na entrada do Pazo da Cultura a partir do 1 de xuño: Mulleres compositoras desde a Idade Antiga ata os nosos días. A edil destacou o enorme traballo e talento da agrupación pontevedresa, quen deixara "absolutamente marabillada" á mesma Jane Birkin cando a acompañou nun concerto na cidade. "Queremos facer xustiza con respecto ás mulleres na música clásica, fundamentalmente, un dos lugares onde están máis ocultas. Temos o deber de rescatar obras que, de non ser feitas por mulleres, hoxe serían referentes da composición e a interpretación ao longo destes séculos. Se foran feitas por homes, serían obras primordiais".

Así, rescatarase tanto a figura das compositoras, como Clara Wieck Schumann ou Julia Dopico; directoras, como Clàudia Dubé, directora da Orquesta de Barcelona e autora dunha investigación sobre a difusión da contribución das mulleres na música, e solistas, caso da pianista compostelana afincada en Nova York Isabel Pérez Dobarro. "É unha referente galega que desenvolve a súa carreira en todo o mundo e unha primeira espada da ruptura dese silencio das mulleres na música".

Judith Rey debullou con detalle as iniciativas, destacando que a orquesta que protagonizará o gran concerto do 5 de xuño estará composta exclusivamente por mulleres. Será ás 19.30 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra e as entradas, a cinco euros, poderanse adquirir desde este martes ás 12.00 horas en ataquilla.com. "Será moi emotivo e brevemente comentado", apuntou a edil.

O programa abrirase coa estrea da peza WoOmen, obra do compositor pontevedrés Mario Diz sobre un tema de Brahms dedicado a Clara Wieck Schumann. Seguiralle un concerto en Sol Maior de Marianna Martines (1744-1812) para piano e orquestra, concerto para piano Clara W. Schumann (1819-1896) Op. 7 en La menor; El último Adiós, de Julia M. Dopico Vale (1967), que é unha suite para frauta e orquestra de cordas, e a melodía galega Lonxe do Lar Queridiño, de Carmen Díez (1912-2015) con arranxos de Benxamín Otero. Dirixirá a orquestra Clàudia Dubé, a frauta solista será a propia Judith Rey e a pianista Isabel Pérez Dobarro.

CONFERENCIAS E MASTERCLASS. As actividades de Mulleres e Inspiración comezarán uns días antes, con dúas conferencias no salón de actos do Pazo da Cultura (20.00 horas). O mércores 1 de xuño Judith Rey falará do papel da muller na música para rapaces e maiores e o venres 3 será a quenda de Pérez Dobarro coa ponencia 'A muller na música. Perspectiva histórica e situación actual'. O sábado 4, pola mañá, a reputada pianista impartirá a masterclass 'Mulleres compositoras. Repertorio de piano' no Conservatorio Manuel Quiroga. Será de balde, ao igual que as conferencias. Habilitaranse catro prazas para alumnado en activo do CMUS que cursen grao profesional ou superior e as demais estarán a disposición do público.

Será necesario inscribirse previamente para a Masterclass. O prazo estará aberto desde este luns ata o 23 de maio a través do correo electrónico [email protected].

Comentarios