Pontevedra postúlase en 2023 como sede dun encontro da alianza Greening Cities

Tamén para un congreso que reunirá aos principais responsables da Comisión Europea en materia de renaturalización de cidades e loita contra o cambio climático
Iván Puentes. DP
photo_camera Iván Puentes. DP

A participación do concelleiro socialista Iván Puentes na 5ª edición do Cities Forum 2023, celebrada nas instalacións das Officine Grandi Riparazioni (OGR) de Turín, marcou unha auténtica efeméride no papel que Pontevedra xogará a nivel internacional como referente de políticas verdes e de loita contra o cambio climático. Os encontros mantidos nestes días polo portavoz municipal do PSOE traducíronse nunha proposta en firme para que a Boa Vila acolla este mesmo ano un encontro do Partnership Greening Cities, a rede comunitaria da que forman parte outras 7 urbes europeas (Roma, Lisboa, Utrecht, Tampere, Ostrava, Ādaži e Bolduque) e 14 entidades (algunha tan importante como o Banco Europeo de Investimentos) e que asesora á Comisión Europea no impulso de estratexias de renaturalización de cidades.

A proposta plantexada por Puentes no marco deste evento bienal, que reúne aos actores urbanos claves a nivel europeo, nacional, rexional e local, comprometidos co obxectivo de acadar un futuro verde e xusto para as cidades, tivo unha moi boa acollida por parte dos coordinadores desta alianza comunitaria, Bogdan Micu e Liviu Băileșteanu, do Ministerio de Desenvolvemento, Emprego Público e Administración de Romanía, e Thomas de Béthune, responsable de Políticas Rexionais e Urbanas da DG Regio da Comisión Europea.

"Pontevedra postúlase como sede dun dos vindeiros encontros desta rede europea de reverdecemento de cidades. Hai xa dúas citas programadas, unha en Malmö (Suecia) e outra en Bruxelas (Bélxica), e queremos que a seguinte se celebre en Pontevedra. A nosa idea é facela coincidir coa presidencia española do Consello da UE, programada para o segundo semestre deste ano, é dicir, acolléndoa entre finais de 2023 e principios de 2024", avanzou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible.

Tal e como sinalou o socialista, "isto significaría que teriamos na nosa cidade a representantes institucionais e funcionarios das urbes e entidades que conforman o Partnership Greening Cities, e tamén con altos funcionarios da Comisión Europea, para que coñezan de primeira man o modelo de Pontevedra, a estratexia Pontevedra Flúe e toda a súa aposta polo reverdecemento e a adaptación da cidade ao cambio climático". Ademais, na súa opinión, este importante encontro "sería unha moi boa oportunidade de posicionarnos aínda mellor como referentes neste eido dentro do contexto europeo".

Elisa Ferreira e Iván Puentes. DP
Elisa Ferreira e Iván Puentes. DP

"Os coordinadores do Greening Cities procuran que este tipo de encontros coincidan con outros eventos relevantes na axenda da UE e, por iso, ademais reforzar a nosa proposta coa presidencia española do Consello da Unión Europea -subliñou Iván Puentes-, tamén temos programado de cara a finais de ano un dos eventos comprometidos co Ministerio para a Transición Ecolóxica (a raíz da subvención de 3,4 millóns concedida pola Fundación Biodiversidade): celebrar en Pontevedra un congreso internacional sobre o reverdecemento de cidades. Se puidesemos cadrar ámbalas datas, sería idóneo, xa que poderían vir os representantes de todos estes países á nosa cidade, manter a reunión de traballo, coñecer Pontevedra e participar neste congreso, que se vai converter, como mínimo, nunha referencia a nivel europeo no que se refire a estratexias verdes, reverdecemento de cidades, loita contra o cambio climático e transformación dos fondos comunitarios en oportunidades de desenvolvemento e de xeración de emprego e de riqueza".

O Plan de Infraestrutura Verde, exemplo para a UE

Outra das boas novas que o portavoz do PSOE trae consigo de Turín ten que ver coa necesidade de que as cidades da UE comecen a crear as súas propias redes de infraestrutura verde, "algo no que Pontevedra xa está a traballar grazas á subvención dos fondos Next Generation que recibimos este ano por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica". Segundo indicou Puentes, nas reunións mantidas ao longo destas dúas xornadas "puidemos comprobar que somos a primeira cidade das que participan neste foro que está a desenvolver un Plan de Infraestrutura Verde deste tipo, anticipándonos incluso á propia lexislación, á propia guía que a UE está a deseñar para o conxunto dos países que a compoñen".

"O traballo que xa estamos a realizar en Pontevedra -apuntou- suscitou bastante interese por parte dos diferentes participantes, en especial dos representantes de países como Suecia, Croacia e Países Baixos, polo que quedamos cos membros do Greening Cities en colaborar, en axudarlles e en amosarlles o exemplo desta acción. Para nós significaría moito poder asesorar a cidades tan importantes como Malmö, Lisboa, Roma, Utrecht ou Tampere, ademais de á propia UE na elaboración desta guía".

Iván Puentes asistiu esta mañá ao acto inaugural do Cities Forum 2023, protagonizado por Elisa Ferreira, comisaria para Cohesión y Reformas de la Comisión Europea; Stefano Lo Russo, alcalde de Turín, y Alexander Jevšek, ministro de Cohesión e Desenvolvemento Rexional de Eslovenia, e xa pola tarde, participou nunha mesa sobre Greening Cities na UE: enfoques estratéxicos para abordar o clima e os retos medioambientais e noutra que abordou O papel e os retos das pequenas e medianas áreas urbanas á hora de achegar Europa aos cidadáns e impulsar a transición verde. O portavoz socialista asegura regresar a Pontevedra "coa esperanza de que, ao longo dos dous vindeiros anos que dura este Partnership Greening Cities, se poidan ir conquerindo fondos europeos e un posicionamento maior e de referencia da nosa cidade dentro da UE".

Entre os relatores da mesa sobre Greening Cities na UE estiveron Ane Itziar Velasco, xefa da Área de Estudos, Avaliación e Diagnose de Sostibilidade do Centro de Estudos Ambientais (Cea) de Vitoria-Gasteiz, coa que Puentes mantivo un encontro en novembro do ano pasado para coñecer o modelo verde impulsado na capital alavesa; Patrick Child, director xeral adxunto da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea; Susa Eräranta, directora da unidade do proxecto Climate na cidade de Helsinki; Normunds Popens, director xeral adxunto para a Implementación da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana (DG Regio) da Comisión Europea; Gitty Korsuize, ecoloxista urbano da cidade de Utrecht, e Irene Bonvissuto, responsable de políticas de Desenvolvemento e de Adaptación ao cambio climático da Dirección Xeral de Acción polo Clima (DG Clima) da Comisión.

A que versou sobre O papel e os retos das pequenas e medianas áreas urbanas á hora de achegar Europa aos cidadáns e impulsar a transición verde contou con Alessandro Rainoldi, xefe da Unidade de Desenvolvemento Territorial da Comisión Europea; Marek Teplansky, xefe da Unidade de Crecemento Inclusivo e Desenvolvemento Urbano e Territorial da DG Regio da Comisión; Carlotta Fioretti, responsable de Estratexias de Desenvolvemento Urbano e investigadora da Comisión; Carolina Perpiña, analista da Unidade de Desenvolvemento Territorial da Comisión; Teresa Alonso Montejo, tenente de alcalde do municipio cordobés de Lucena, e Kieran McCarthy, concelleiro do Concello de Cork e membro do Comité Europeo de Rexións, entre outros.

Comentarios