Pontevedra prepara un verán para non parar

Do Surfing the Lérez á Feira Franca, o Concello programará 25 ciclos de actividades diferentes en máis de 20 espazos da cidade, do centro histórico aos barrios e ás parroquias ▶ Música en directo, monólogos, cine, propostas infantiles e libros protagonizan a oferta municipal, que se desenvolverá ao aire libre e de balde
Carme da Silva xunto á imaxe da programación de verán do Concello. GONZALO GARCÍA
photo_camera Carme da Silva xunto á imaxe da programación de verán do Concello. GONZALO GARCÍA

Só a programación das festas da Peregrina queda sen desvelar do verán de Pontevedra. "Terá unha presentación propia, como é habitual", lembrou este martes a concelleira de Festas, Carme da Silva, que anunciou que se preparou unha oferta cultural e lúdica municipal para non parar entre esta semana e a primeira fin de semana de setembro, ou o que é o mesmo, entre o festival Surfing the Lérez e a festa medieval da Feira Franca. "Neste verán, Pontevedra non ten parada", sinalou a concelleira, que presentou 25 ciclos arredor de música en directo, humor, películas, cativada e libros. Todo (salvo dous concertos de música de cámara en Santa Clara) será ao aire libre e con acceso libre e gratuíto.

"Esta é unha programación intensa e diversa. Diversa en temáticas, formatos e espazos", apuntou Da Silva, que fixo fincapé en que as propostas se desenvolverán en máis de 20 espazos da cidade: "do centro histórico aos barrios e ás parroquias". Da mesma maneira, o Concello mestura formatos diferentes: "pequenos e grandes, con público sentado e público danzando". O resultado é unha oferta na que se combinan eventos clásicos, que se recuperan tras a pandemia, como o Festival Internacional de Jazz, con outros postos en marcha recentemente como o festival Urbana de Monte Porreiro.

Entre as novidades da programación de verán está a recuperación do festival de bandas de música. "Volven as bandas", recoñeceu a concelleira. "Nestes dous últimos anos non puideron celebrar concertos e só se fixeron espectáculos de pequeno formato. Agora volven coas agrupacións ao completo". Da mesma maneira tamén volven as romerías, como a de San Bieito, sen restricións. "E o mesmo caso que o festival de animación de rúa Itineranta, que volverá realizarse con paradas e con interacción co público".

En canto ás iniciativas creadas máis recentemente que se manteñen, Da Silva sinalou: o festival Urbana de Monte Porreiro (con Dios Ke Te Crew, Ladilla Rusa, Son da Rúa e Marc Seguí), o ciclo de monólogos nas pistas de Campolongo (con Luís Zahera, David Amor, Carlos Blanco, Xosé Antonio Touriñán e Marta Doviro), Con Voz de Muller na Ferrería (con Pongo, Somdolilá, Diana López Varela e Rocío Barrio, Brassica Rapa, Guadi Galego, De Vacas e Ginebras) e o festival O Son do Local (con Hainas, Odiosos 5, La Mosca Valiente, Flip Corale, Black Hole e MKP).

Mención á parte merecen a Festa dos Libros, o Festival de Jazz e o Senda Festival. A Festa dos Libros celebrarase entre o 8 e o 10 de xullo, nunhas datas consesuadas coas doce librerías que participan no evento. A programación contará cunha presentación propia. O Festival de Jazz terá lugar entre o 20 e 24 de xullo. O cartel inclúe concertos de Jeffery Davis Quartet, Andre B. Silva, Andrea Motis, Ida Nielsen e Samantha Fish. Finalmente, Senda recupera o festival de música electrónica que se celebrou en anos anteriores en distintas datas no Parque dos Gafos. Desta volta terá lugar o 5 e o 6 de agosto.

"Como sempre, dende o Concello seguimos apostando polo local e polo galego á hora de confeccionar o programa", rematou Da Silva, que explicou que a imaxe da programación, na que se recrea unha postal dos anos 50, é de Era Comunicación.

Programación completa, datas, horarios e protagonistas, aquí.

PROGRAMACIÓN DO VERÁN
Do 23 ao 25 de xuño. Illa do Covo. Festival Surfing the Lérez.
Do 27 de xuño ao 1 de xullo. Praza da Pedreira. Mostra Internacional de Cinema LGTBI+.
2 e 3 de xullo. Convento de Santa Clara. III Festival de Música de Cámara Cidade de Pontevedra.
Do 5 ao 8 de xullo. Parque das Palmeiras. Animatrón.
Do 8 ao 10 de xullo. Praza da Ferrería. Festa dos libros.
Distintas datas de xullo e agosto. Prazas de Santa María e José Martí. Música de bandas.
11 de xullo. Praia fluvial e beiras do río Lérez. Romaría de San Bieito.
Do 15 ao 17 de xullo. Praza da Ferrería. XXIII Memorial Ricardo Portela.
Do 20 ao 24 de xullo. Praza da Ferrería. XXVIII Festival Internacional de Jazz e Blues.
Do 20 de xullo ao 7 de agosto. Praza da Ferrería. Feira da artesanía e do deseño Chalana.
Do 21 ao 24 de xullo. Campo de Vilar de Fragoso e Santo André de Xeve. Festixeve.
Do 22 ao 26 de xullo. Barrio do Burgo. Festas de Santiaguiño do Burgo.
Do 27 ao 30 de xullo. Miradoiro de Monte Porreiro. Festival Urbana.
Do 27 ao 31 de xullo. Praza da Pedreira. Cinema e estrelas.
Do 1 ao 5 de agosto. Alameda. Trebellando na Alameda.
Do 1 ao 5 de agosto. Pistas de Campolongo. Noites de monólogos.
2 de agosto. Praza de España. Maxia con Víctor Cerro.
Do 3 ao 5 de agosto. Prazas e rúas do centro histórico. X Festival Internacional de Animación de Rúa Itineranta.
Do 5 ao 6 de agosto. Río Gafos. Senda Festival.
Do 6 ao 10 de agosto. Praza da Ferrería. Con Voz de Muller.
Do 9 ao 12 de agosto. Distintos espazos. O Son do Local.
12 de agosto. Centro da cidade. Aquí cántase.
Do 13 ao 21 de agosto. FESTAS DA PEREGRINA. 
23 de agosto. Centro histórico. Festa do demo.
2 e 3 de setembro. Centro da cidade. Feira Franca.

Comentarios