Pontevedra prepárase para recibir á Xeración Sónica

Quince empresas do programa municipal Puntazo interésanse polo proxecto do Concello e da escola Bonobo do que saíron seis bandas formadas por rapazada de entre 12 e 16 anos

As rapazas de Mushu durante o acto deste mércores en Bonobo. RAFA FARIÑA - Xeración Sónica
photo_camera As rapazas de Mushu durante o acto deste mércores en Bonobo. RAFA FARIÑA

"Todo isto é un experimento. A ver ata onde chegamos", di Gonzalo Maceira (Furious Monkey House). O proxecto Xeración Sónica, que o músico e mestre pontevedrés titoriza xunto aos tamén músicos Violeta Mosquera (Bala) e Miguel Neira (MLK), presentouse este mércores ante parte do tecido empresarial da cidade nun encontro que buscaba crear sinerxías entre uns e outros. O acto, no que se deu a coñecer o traballo realizado polas seis bandas saídas deste primeiro ano de Xeración Sónica, tivo lugar na escola Bonobo e nel participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Normalización Lingüística e Xuventude, Alberto Oubiña. "En realidade non só son grupos de rock. Hai un pouco de todo. Pero si, todos teñen un son bastante eléctrico".

Lores e Oubiña (na parte esquerda), durante o acto. RAFA FARIÑA - Xeración Sónica

A xornada consistiu nunha visita ás instalacións da escola, unha charla-coloquio e un pequeno concerto. "Tratábase de presentar os proxectos musicais que saíron desta iniciativa e buscar un enfoque de cara a axudas colaborativas de empresas de Pontevedra".

Xeración Sónica naceu como un espazo-ponte entre a etapa na que a cativada deixa o obradoiro municipal RockLab (entre 5 e 12 anos) e pode acceder ao espazo do Local de Música (a partir de 16 anos). "Buscamos unha solución para que estes mozos e mozas puidesen seguir tendo formación musical ao tempo que desenvolvían un proxecto grupal. Para iso contamos coa axuda do Concello, que é o que soporta o custe destas actividades", explica Maceira. "Pero dende o principio pensamos que aquí existía tamén a oportunidade para involucrar ás empresas da cidade no apoio á música. Porque consideramos imprescindible que nisto se comprometa toda a sociedade, que se cree unha rede colaborativa que permita que os proxectos teñan futuro".

Entre os obxectivos inmediatos da iniciativa está a publicación dun disco no propio selo do proxecto, Arte Calavera

RESPONSABILIDADE SOCIAL. Foi así que Xeración Sónica entrou en contacto co programa da Concellería de Promoción Económica Pontevedra ten un puntazo. Quince empresas que participan nel enviaron o mércores algún representante á escola Bonobo para escoitar o que os responsables do proxecto tiñan que dicirlles e para oír en vivo aos grupos. "O obxectivo final é difundir a idea de que a cultura ofrece moitas posibilidades". O Concello chámalle a esta idea "proxecto de innovación colaborativa en responsabilidade social empresarial de pequenas e medianas empresas".

O obxectivo deste encontro era involucrar directamente ás empresas da cidade na saída á rúa dos discos de Xeración Sónica e na realización dos seus produtos audiovisuais. "Buscamos poñer en marcha unha especie de crowdfunding local no que as empresas poidan axudarnos, ao tempo que reciben a cambio promoción do que fan, por exemplo. É dicir: eles axúdannos a sacar adiante o orzamento final deste proxecto e nós ofrecémoslle unha serie de recompensas".

Entre os obxectivos inmediatos de Xeración Sónica están publicar as maquetas individuais que gravarán tres das bandas e, sobre todo, sacar un álbum colectivo no que participarán as seis e no que cada unha delas interpretará dous temas. "Todos compostos nun tempo récord de sete meses". Porque o proxecto de Xeración Sónica, xa dende o inicio, naceu coa intención de contar cun selo discográfico propio, Arte Calavera.

En directo. Concerto no Galegote Rock
As seis bandas saídas do proxecto Xeración Sónica (Alan, Mushu, Rebel Spirit, Ith!, Froalla e Kidcobra) actuarán por primeira vez para o público en xeral dentro da programación do festival Galegote Rock. Farano na xornada central do evento, o sábado 27 de abril, a partir das 14.00 horas, no Campiño de Santa María (entrada libre). Tocarán os seus temas, todos en galego, xusto despois de que, nese mesmo espazo, Marcelo Dobode presente o seu novo disco, Turoqua.

Comentarios