viernes. 16.04.2021 |
El tiempo
viernes. 16.04.2021
El tiempo

Presentada en Pontevedra a primeira guía sociosanitaria para persoas con diversidade sensorial de Galicia

Presentación da guía. DP
Presentación da guía. DP

A Concellería de Benestar Social e Xoga promoven o manual, que poderá descargarse na web do Concello e mediante un código QR en pósteres e dípticos

A Concellería de Benestar Social de Pontevedra e a Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (Xoga) veñen de impulsar unha guía sociosanitaria para persoas con diversidade sensorial, un instrumento de atención integral a persoas xordas, con perda auditiva, cegas e xordocegas. O manual, o primeiro deste xénero que se elabora en Galicia, preséntase coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna —o 21 de febreiro— e do Implante Coclear (o 25).

A guía entregarase a diversas entidades e institucións e tamén se poderá descargar en versión pdf a través da páxina web do Concello de Pontevedra e dos códigos QR presentes nos carteis e dípticos que se distribuirán no marco desta iniciativa.

O manuel foi presentado este mércores nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández; o edil de Benestar Social, Marcos Rey; a secretaria xeral de Xoga, Josefa Carballo, e a coordinadora sociosanitaria do colectivo, Marta García, usuaria dun implante coclear.

"O Concello ten entre os seus obxectivos máis importantes a superación das limitacións invisibles que cada día se lle impoñen ás persoas con diversidade sensorial, así como defender a equidade, a acessibilidade universal, a inclusión e a comunicación sen limites", salientou Rey. Nesa liña, o edil socialista asegurou que a guía nace co obxectivo de ser "un recurso útil para abordar situacións cotiás coas persoas xordas, con perda auditiva e xordocegas, de maneira que os profesionais, familiares e os propios afectados teñan coñecementos esenciais e básicos". 

A guía será distribuída entre diversas institucións, entidades e servizos

Josefa Carballo indicou que, das 45.307 persoas con diversidade sensorial de Galicia, na provincia de Pontevedra viven unhas 17.000 con máis do 33% de discapacidade certificada. Delas, entre 7.000 e 8.000 residen na capital provincial, polo que son case un 10% da poboación. A secretaria xeral de Xoga lembrou que se trata dun dos colectivos de poboación "máis illado e con maior risco de exclusión social debido ás súas dificultades de comunicación e acceso á información".

¿QUE OFRECE A GUÍA? Na guía sociosanitaria para persoas con diversidade sensorial pódense atopar cuestións como as definicións de comunidade sensorial, cegueira, xordeira e xordocegueira; a explicación de sistemas de comunicación como a lingua de signos española e apoiada, a lectura labial ou labiofacial e o braille, e a exposición das barreiras comunicativas existentes.

Ademais, o manual amosa a conduta axeitada a seguir para atender unha persoa con diversidade sensorial, facilitarlle o acceso a información e ofrecerlle medios de rehabilitación e apoio. Por exemplo, mediadores comunicativos, guías interpretativas de lingua de signos, logopedas, optometristas ou cans guía, audifónos, implantes cocleares, bastóns, lentes, audiodescricións ou lectores de pantalla.

Na publicación tamén se aclara como detectar unha perda de audición, descríbense os mitos existentes en torno a este colectivo e faise fincapé nas dificultades e recursos das persoas con diversidade sensorial ante a pandemia da covid-19.

Presentada en Pontevedra a primeira guía sociosanitaria para...
Comentarios
ç