Pontevedra, a punto de ebulición

A venda de petiscos de autor, a cargo de catro chefs, e o concerto de Baiuca inauguran, na Alameda, a primeira edición do festival Ferve
Asistentes ao Ferve. ANXO LORENZO
photo_camera Asistentes ao Ferve. ANXO LORENZO

Cun brinde entre os organizadores e representantes políticos locais quedou inaugurado, este venres á tardiña, Ferve. Un paseo, polos distintos espazos e casetas que acollen dende este sábado as actividades centrais do festival e que rematou nunha das grandes barras que flanquean o escenario das actuacións musicais, serviu para abrir oficialmente esta proposta, que busca alongar o verán en Pontevedra.

Este festival, que se anunciou como unha mestura de música, gastronomía e cervexa, ocupa a Alameda de Pontevedra, onde permanecerá aberto ao público ata mañá ao mediodía. O catoirés Baiuca foi o encargado de abrir os concertos, todos gratuítos, que este sábado continuarán con Guadi Galego, Marilia Monzón e A Banda de Late Motiv. Pecharaos mañá Xoel López.

FOGÓNS. Tamén estaba previsto que este venres se puxeran a funcionar xa os fogóns do festival, que anunciaba no seu programa que poñería á venda os primeiros petiscos de autor, a cargo de catro chefs: Rubén González, Marta García, Vicente Tortajada e Marta Santiago. Este sábado haberá dúas novas quendas de petiscos (un á mañá e outro á tarde) que elaborarán, entre outros, Juliano Valese, Xanty Elías e Yayo Daporta.

Ademais este sábado comezarán as charlas Ferve Talks e os showcookings. Para asistir a estas dúas actividades, de carácter tamén gratuíto, a organización pedía inscribirse con anterioridade na páxina web do festival (www.estrellagalicia.es/ferve). As palestras deste sábado correrán a cargo de Pepe Solla, que falará de Gastronomía e Ciencia, e de Javier Olleros, que falará dos comedores comunitarios.

Brinde entre diferentes autoridades. ANXO LORENZO
Brinde entre diferentes autoridades. ANXO LORENZO

En canto aos obradoiros, hainos de dous tipos: uns centrados na cervexa (tiraxe, cata a cegas, visita virtual á fábrica de Estrella Galicia, etc.) e outros do ámbito gastronómico. Estes últimos, este sábado, estarán protagonizados por Héctor López (Galicia Calidade) e Diego Guerrero (Desperdicio Zero).

A maiores, o festival Ferve, que é unha iniciativa da marca de cevexa Estrella Galicia e da axencia creativa Esmerarte e que arranca en Pontevedra coa intención de itinerar despois por Galicia, inclúe un Mercado da Colleita e outro de Artesanía de Galicia. Da mesma maneira, no espazo do festival hai instalada unha carpa con información do Río Verbena Fest, que se celebra o 24 de setembro no parque da antiga Tafisa e que tamén organiza Esmerarte.

Comentarios