Miércoles. 21.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 21.11.2018
El tiempo

Pontevedra queda fóra do Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía

Semana de Ciencia no IES A Xunqueira II. G.G. / ARQUIVO
Semana de Ciencia no IES A Xunqueira II. G.G. / ARQUIVO

Catorce institutos galegos, entre eles catro da provincia –Lalín, Moaña, Vigo e A Guarda, impartirán o vindeiro curso o STEMbach

O STEMbach, o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, creado ao abeiro da Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020), impartirase o vindeiro curso por primeira vez en 14 centros educativos galegos, pero ningún deles se atopa na cidade de Pontevedra.

Segundo os datos da resolución provisional publicada pola Consellería de Educación, os pioneiros serán seis centros da provincia da Coruña, catro de Pontevedra, tres de Lugo e un de Ourense, que se converten nos institutos referentes en toda Galicia á hora de implantar este proxecto.

Na provincia son os IES Ramón María Aller Ulloa (Lalín), Plurilingüe A Paralaia (Moaña), República Oriental de Uruguay (Vigo) e A Sangriña (A Guarda). Quedou fóra, "por non reunir os parámetros de viabilidade" do proxecto, o IES Ramón Cabanillas de Cambados. Hai tres meses para alegar.

O obxectivo deste bacharelato, segundo explica a Consellería nunha nota, é "promover a vocación do alumnado cara a investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria, e tendo en conta a perspectiva de xénero". Ademais, "favorécese unha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica; así como o desenvolvemento da creatividade, do sentido da iniciativa ou do emprendemento e da resolución de problemas". Por outra banda, engade, tamén axudará a mellorar as destrezas comunicativas e expresivas e proporcionará unha relación "máis estreita" entre profesorado e alumnado.

UNIVERSIDADE. Este bacharelato, pensado tanto para a modalidade de Humanidades como para a de Ciencias, permitirá unha "conexión directa" co ensino universitario, posto que o alumnado deberá desenvolver, no segundo curso, un proxecto de investigación individual ou colectivo con posterior defensa pública.

Este proxecto, similar ao traballo de fin de grao, será co-dirixido por un docente dun departamento universitario ou dun centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e será titorizado polos profesores que impartan a materia de afondamento STEM.

Ademais, o alumnado cursará algunha materia extracurricular semanal de afondamento relacionada co ámbito de materias STEM e cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais.

Así mesmo, realizará actividades complementarias de formación, organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou con persoas investigadoras de recoñecida competencia- como conferencias, obradoiros ou proxectos.

Ao final da etapa, e tras a avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, o alumnado recibirá unha certificación acreditativa da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.

A maiores, no curso 2018/19 tamén se reforzarán outras medidas vinculadas con este ámbito científico-tecnolóxico como son a Semana STEM (450 prazas), a extensión da Robótica en Primaria e os clubs de ciencia. Neste sentido, o obxectivo é duplicar os centros con Robótica nesta etapa. O curso pasado chegou a 111 centros e 11.000 alumnos implicados.

Espazos Maker
Experimentación nas aulas


Ademais do STEMbach, o vindeiro curso poñeranse en marcha outras dúas iniciativas. A primeira é a creación de dez Espazos Maker nos centros educativos para fomentar a creatividade do alumnado baixo a máxima de "aprender facendo". Estarán dotados de equipamento específico e contarán cunha achega económica de 2.000 euros, destinados a alumnado, profesorado e incluso familias nos que poidan desenvolver proxectos mediante a experimentación.

A convocatoria para presentar as súas propostas estará aberta ata o 28 de setembro.

​En segundo lugar, entre finais de agosto e principios de setembro desenvolverase o primeiro campamento científico-tecnolóxico en inglés: a STEMweek, na que participarán uns 200 alumnos de 3º e 4º de ESO de toda Galicia.

 

Pontevedra queda fóra do Bacharelato de excelencia en Ciencias e...
Comentarios