Pontevedra é un rebulir

A ritmo de música balcánica, swing e temas dos anos 80, unha troupe circense, composta por personaxes de case tres metros de alto, moveuse a zancadas polo centro
A compañía La Troupe Malabó foi a encargada de abrir o ciclo Bule Bule. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera A compañía La Troupe Malabó foi a encargada de abrir o ciclo Bule Bule. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Unha troupe saída dun circo paseouse a zancadas onte por Pontevedra. Os seus integrantes, de case tres metros de alto, movéronse pola cidade ao ritmo de música balcánica, swing, e temas dos anos 80, pegados a unha carpa móbil e a un trapecio. Desta maneira, algo comezou a rebulir na cidade.

Ata o venres 6 de agosto, nas prazas do centro histórico terá lugar o ciclo de espectáculos escénicos Bule Bule (unha proposta alternativa ao prepandémico festival de teatro na rúa Itineranta, que o ano pasado xa se celebrou baixo o lema A Rebulir!). Incluída na programación de verán do Concello, esta iniciativa agrupa dez shows a pé de rúa que se celebrarán nos próximos días. O espectáculo circense Klez 80 Circus, dos valencianos La Troupe Malabó, foi o encargado de abrir o ciclo.

A segunda proposta da primeira xornada foi Bosque viviente, dos galegos Sarao Producción.

Os espazos polos que se moverán as compañías non se anuncia con anticipación para evitar concentracións de xente

CALENDARIO. Bule Bule continúa este martes co show A Fraga Máxica, do pontevedrés Pablo Méndez, e con Motorpunk, dos valencianos La Fam. Como en todos os casos, o primeiro show comezará ás 20.00 e o segundo, ás 21.00 horas. Os espazos polos que se moverán as compañías non se anuncia con anticipación para evitar concentracións de xente.

O mércores serán dous grupos galegos os protagonistas da xornada: Rivel, que presentará Un baile con debuxos animados, e Brincadeira, que traerá La danza de la calle. O xoves, acturarán, os valencianos Scura Produccións, con Corral Kaos, e os pontevedreses Troula Animación (coordinadores de Bule Bule), con Franky Party. A programación rematará o venres cos madrileños Bambolea e cos vigueses Barafunda.