Pontevedra recibiu en agosto un 50% máis de peregrinos que durante todo o mes de xullo

O conselleiro de Cultura e Turismo participou onte na inauguración da ampliación do albergue "Vixe Peregrina", que se converte no de maior oferta pública do Camiño Portugués ao seu paso por Galicia
Imaxe do acto de inauguración do novo edificio do albergue. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Imaxe do acto de inauguración do novo edificio do albergue. BEATRIZ CÍSCAR

As actividades culturais do Xacobeo 2021 sufrirán unha reprogramación que será presentada pola Xunta antes de finais de ano. Así o anunciou onte na cidade o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.

Estes cambios estableceranse en función do desenvolvemento da situación hixiénico sanitaria e terán como obxectivo seguir mantendo a reactivación económica que supón o ano Xacobeo para Galicia. "Nese plan estratéxico seguiranse mantendo os eixos vertebrais: a participación da sociedade e a descentralización da oferta cultural e turística", afirmou o conselleiro.

Esta reprogramación estará definida pola situación actual e as medidas de seguridade necesarias. Nese sentido, o conselleiro agradeceu "o bo exemplo que estamos dando en Galicia ao convivir cunha situación complexa e inédita".

Este anuncio tivo lugar onte na cidade de Pontevedra, que contou coa presenza de Rodríguez para a inauguración da ampliación do albergue 'Virxe Peregrina'. No acto tamén participaron Tino Lores, presidente da Asociación Amigos do Camiño Portugués e o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores.

Todos eles coincidiron na importancia da resolución desta demanda histórica, que converte ao albergue no de maior oferta pública no Camiño Portugués ao seu paso por Galicia. Así, resaltaron o gran exemplo de colaboración público-privada que supón o albergue. A obra, financiada con 198.000 euros por parte da Xunta, foi xestionada polos hospitaleiros da Asociación Amigos do Camiño Portugués.

O conselleiro, Román Rodríguez, afirmou que moi poucos proxectos hoxe en día souberon sumar vontades diferentes coma esta ampliación, que foi bendecida polo deán de Santiago, Don Segundo Pérez, e que contou coa presenza tamén de representantes de formacións políticas diferentes.

Rodríguez apelou tamén a importancia do Camiño para vertebrar Galicia grazas ao seu espírito de unidade. Precisamente, lembra a importancia deste último para recuperar a ruta xacobea nun ano que lle afectou duramente ao estar pechado legalmente por primeira vez na historia.

"Estamos felices de inauguralo dentro da infelicidade da situación", resaltou pola súa parte Tino Lores. Fixo tamén unha análise da reconversión do terreo, cedido no ano 1998 e que con esta obra "queda perfectamente completo, pasando a ser unha 'quinta' grazas ao traballo de esforzo de moitos voluntarios ao longo de 21 anos". Así, moustrouse agradecido dentro da infelicidade da situación.

Cara o ano Xacobeo, o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, agarda a que situación mellore grazas ás vacinas que están en desenvolvemento. "Esperemos que sexan efectivas e o ano que vén poida haber un Xacobeo 2021 na súa intensidade e inmesidade", sinalou.

Do mesmo xeito, o alcalde quixo lembrar o impacto económico que, en situacións normais, supón o Camiño ao seu paso pola cidade do Lérez. No ano 2019 pasaron 100.000 peregrinos mentres que as previsións para 2020, antes da pandemia, elevaban esa cifra a 120.000 peregrinos. "Moitos peregrinos fan pernoctacións de ata 3 días, tamén en albergues privados e hoteis, é unha parte importante", comentou. Ao mesmo tempo, agarda que se recupere o turismo internacional, que pode ser desestacionalizado.

AFLUENCIA. Outra das consecuencias da pandemia palpables no Camiño é a baixada de peregrinos con respecto ao ano pasado. "Pasamos de que pernoctaran 2.000 peregrinos en xullo do ano pasado a 347 no xullo deste ano", explicou Tino Lores. Porén, o mes de agosto supuxo o inicio dunha tímida recuperación para o albergue pontevedrés, imposible de comparar ao ano pasado, hospedando ao dobre de peregrinos que no mes anterior, 600. Todo isto tendo en conta que este ano foi a primeira vez que o Camiño de Santiago se atopou legalmente pechado.

Nesta visión coincidiu o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez. "Desde o 1 de xullo, que se volveu abrir o camiño, paso a paso se está incrementando o número de peregrinos", declarou. Precisamente os peregrinos do Camiño en total incrementaronse un 70% en agosto deste ano con respecto a xullo, pasando de 9.700 a 16.500. No caso da ruta portuguesa,o aumento foi do 50%, de 1.600 peregrinos en xullo a 3.000 en agosto.

Comentarios