Pontevedra le recita a Rosalía de Castro

O Campus Universitario e o Concello celebran recitais na honra da poetisa
Un momento do acto que se celebrou na facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación
photo_camera Un momento do acto que se celebrou na facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

#RosalíaTe. É o hagstag (etiqueta) co que se celebra o Día de Rosalía de Castro. A conmemoración da data, fixada no 24 de febreiro no Calendario do Libro e da Lectura de Galicia para conmemorar o aniversario do nacemento da autora máis importante das nosas letras, adiantouse en Pontevedra. A Universidade de Vigo e o Concello celebraron o mércores cadanseu acto na honra da poetisa.

As propostas prolongaranse ata o propio 24 de febreiro da man da Deputación, segundo anuncia este xoves oficialmente o deputado de Cultura, Xosé Leal. Todos os grupos da Corporación provincial participarán nun acto que terá lugar no Pazo Provincial.

Todos os grupos da Corporación provincial participarán mañá nunha homenaxe no Pazo da Deputación

A Biblioteca Central do Campus Universitario sumouse aos actos do 180º aniversario do nacemento de Rosalía. Alí houbo unha lectura de poemas e unha proxección de vídeos. Segundo informa o diario dixital da Universidade de Vigo (duvi.uvigo.es), o acto pechouse cun ‘mannequin challenge’.

No acto, o presidente da Fundación Rosalía de Castro e profesor da Universidade de Vigo, Anxo Angueira, lembraba que "hai 180 anos naceu unha ilusión, unha esperanza e un novo horizonte que hoxe están tal vez máis vivos ca nunca", segundo recolle o Duvi, que ademais explica que, da man da profesora Ana Fernández Soneira, un grupo de alumnos e alumnas dos graos en Comunicación Audiovisual e Educación Primaria renderon homenaxe á poetisa recitando os versos de Adiós ríos, adiós fontes, Unha voda na aldea ou Un repoludo gaiteiro. A proposta universitaria contou tamén cunhas caretas de Rosalía deseñadas polo titulado en Belas Artes Aarón Fernández e cun photocall co lema #Rosalíate no que se podía fotografar todo o mundo.

Pontevedra sumábase desta maneira aos actos de homenaxe que se desenvolven nos tres campus na Universidade e que deron comezo o pasado martes co recital que Aldaolado ofreceu na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo e se completan mañá, no propio Día de Rosalía, na biblioteca universitaria do campus de Ourense.

Pola súa banda, o Concello adiantou tamén ao mércores a celebración do Día de Rosalía cun recital no que participaron oito autores e un colectivo poético-musical.

A Casa da Luz acolleu esta homenaxe na que recitaron Afra Torrado, Antón Blanco, Iria Alejandra Pazos, Lucía Novas, Malvares de Moscoso, Genaro da Silva, Pablo Rodríguez e Tamara Andrés. Segundo estaba anunciado, a actividade tamén incluía un concerto poético a cargo do colectivo Cintadhesiva.

Comentarios