Pontevedra recrea os anos 20 coa cuarta edición de 'Ponte Coqueta'

Celebrarase entre o 26 de agosto e o 1 de setembro
Edición do pasado ano de Ponte Coqueta. BEATRIZ ÍSCAR
photo_camera Edición do pasado ano de Ponte Coqueta. BEATRIZ ÍSCAR

A cuarta edición de 'Ponte Coqueta' en Pontevedra estará dedicada á muller e ao cabaret dos anos 20 aos 50. As actividades comezarán o vindeiro luns 26 de agosto e prolongaranse até o domingo 1 de setembro. A concelleira de Festas, Carme da Silva, e o promotor desta iniciativa cultural, Marcelo Dobode, presentaron 'Ponte Coqueta 2019' nun acto no que animaron a todos os veciños a "sacar a revolución que levan dentro".

A programación arrinca o luns 26 de agosto no Casino Mercantil coa conferencia 'A muller e ou cabaré da Galiza', que impartirá Iria Piñeiro e na que falará da importancia da muller na música galega. Será a partir das 20,00 horas. O mércores 28 haberá un taller infantil de cabaret no Mercantil a partir das 18,00 horas. A actividade repetirase ao día seguinte no mesmo sitio e á mesma hora. Para os maiores tamén haberá talleres na Casa Azul tanto de iniciación como avanzados.

Haberá diferentes obradoiros de baile lindy hop, charlestón e cabaret

Por unha banda, o xoves serán os obradoiros de cabaret e o venres de baile lindy hop. Poderán apuntarse todas as persoas que queiran iniciarse nos bailes e ás 20,00 horas aqueles que queiran perfeccionalo. Para este último taller será necesario acudir con parella. O venres ás 22,30 horas poderá verse o espectáculo de cabaret ao aire libre. Celebrarase na Praza de Curros Enríquez e os seus organizadores prometen que estará "cheo de sorpresas", explicou Marcelo Dobode. Faranse bailes na rúa da man de Iria Piñeiro e Marinita Quellas, entre outras.

FIN DE SEMANA

O sábado empezarase cedo con outro obradoiro de iniciación, esta vez ao lindy hop. Será no Mercantil e empezará ás 9,00 horas o de iniciación e ás 11,00 o avanzado. Ás 12,00 terá lugar a mostra de swing, lindy hop e charlestón nas prazas da Ferrería, Peregrina e Curros Enríquez. As actividades do sábado realizaranse na Praza de Curros Enríquez. Ás 13,00 horas está fixada a Sesión vermú cun concerto do grupo Comando Foucellas; ás 17,00, un obradoiro infantil de cabaret onde se incluirá a presentación do espectáculo que preparen.

E ás 18,00 horas haberá unha clase aberta de Swing que "sempre se abarrota", e, como colofón para esta actividade, celebrarase o Baile Coqueto cos concertos de Áureas e de Sar Swing Quartet, que encherán a praza de música swing que "fará bailar a todo o mundo que se achegue".

Comentarios