Pontevedra recupera Núbebes

Catro compañías e artistas galegos protagonizan o festival dirixido a bebés e familias, que se celebrará entre o 18 e o 26 de setembro 

Presentación do festival Núbebes. GONZALO GARCÍA
photo_camera Presentación do festival Núbebes. GONZALO GARCÍA

Tras a cancelación do ano pasado a causa da pandemia, a compañía Baobab e o Concello recuperan o festival para bebés e familias Núbebes, nun formato reducido. Terá lugar en dúas fins de semana consecutivas, 18 e 19, e 25 e 26 de setembro no Teatro Principal.

As entradas sairán á venda o vindeiro luns, a 3 euros, en ataquilla.com.

Catro compañías e artistas galegos participan no programa deste ano. Trátase de Caramuxo Teatro, Baobab Teatro, Rilo & Penadique e Cé Orquestra Pantasma. Haberá dúas funcións diarias, ás 12.00 e ás 18.00 horas.

A edil de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, presentou este xoves este festival que é "moi querido" na Boa Vila, porque "conecta perfectamente co espírito da cidade", que "soa a nenos e nenas na rúa xogando".

PROGRAMACIÓN CULTURAL. Esta iniciativa forma parte d programación municipal que irá ata decembro no marco do programa 'Telescopio da Cultura', no que teñen un protagonismo "moi potente" todas as actividades dirixidas para o público infantil, no caso de Núbebes para os máis "pequerrechiños". 

Carme Fouces destacou o "gran nivel" que ofrece sempre este festival de artes escénicas coidando aos espectadores "desde bebés", de modo que nos espectáculos infantís posteriores de teatro, danza ou narración "teñen que ter uns estándares bastante altos". Ao respecto, puxo o acento que xa desde Núbebes "se está educando ao público a esixir niveis de calidade importantes". 

Ese é o motivo tamén, dixo, polo que o Concello de Pontevedra ten moito "coidado" cando programa para público adulto, porque "o que triunfa noutros sitios, aquí...". "O público pontevedrés é moi esixente", comentou Fouces.