Pontevedra redobra a ofensiva contra os vehículos abandonados

A concellería dirixida por Iván Puentes asina outros 25 requirimentos para que se retiren coches das rúas, incluído un cuxo propietario ten domicilio en Francia

Camión frigorífico abandonado na rúa Losada Diéguez. CONCELLO
photo_camera Camión frigorífico abandonado na rúa Losada Diéguez. CONCELLO

O Concello de Pontevedra vén de dar un paso máis na súa "cruzada" contra os vehículos abandonados nas rúas. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, asinou 25 novos requirimentos de retirada, na que —segundo o departamento— é a súa "maior ofensiva" na materia.

De feito, coa tramitación destes expedientes, o Servizo Municipal de Disciplina Urbanística, Medio Ambiente e Policía Administrativa leva incoados nos primeiros tres meses do ano 47 requirimentos, case un 60% de todos os abertos en 2020. 

A través deles ínstase aos titulares dos vehículos a que, "no improrrogable prazo de 15 días", procedan á súa retirada ou entrega nun centro autorizado. "Advírteselles tamén —sinala o edil do PSOE— de que, pasado este prazo sen dar cumprimento ao requirido, esta administración municipal poderá adoptar as medidas sancionadoras previstas na Lei 10/2008 de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia", que prevé multas de entre 603 e 31.000 euros para os supostos de infracción grave. Ademais, o guindastre retirará o vehículo. 

Un dos vehículos para os que se enviaron un requirimento. CONCELLO

Entre os vehículos que centran os últimos avisos están un Audi A3, un deportivo Alfa Romeo, un camión frigorífico e un furgón Iveco. Ademais, remitíronse tres requirimentos de retirada relativos a unha parcela propiedade do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) situada nas inmediacións do nudo do Pino onde se detectou un depósito de entullos, chatarra, colchóns e mobles, con dous camións e un Renault Laguna.

A concellería tramitou nos primeiros tres meses de ano 47 expedientes de retirada de vehículos abandonados, un 60% dos incoados en todo 2020

O edil de Desenvolvemento Sostible constata que, ante as dificultades que se atopan en ocasións para notificar aos titulares dos vehículos, moitas veces o Concello ten que publicar os requirimentos no Boletín Oficial do Estado (Boe), e mesmo "a través dos consulados e embaixadas doutros países". Aconteceu agora cun Renault Laguna abandonado na rúa Simón Bolívar, tras comprobarse que o propietario é un cidadán de orixe francesa con domicilio na localidade gala de Angoulême. "Tras tentar a notificación ao interesado, e resultando a mesma infrutuosa, remitiuse o anuncio do requirimento ao Consulado de Francia en Vigo para a súa inserción no taboleiro de edictos", explica Iván Puentes. 

Segundo o socialista, "existen bastantes casos nos que, froito do seu emprego en actividades ilegais, de roubos ou simplemente porque queren desfacerse deles, os vehículos son abandonados en espazos moi afastados das localidades de orixe dos titulares". 

Os propietarios de 16 vehículos atenderon os requirimentos 
Iván Puentes explica que, se ben boa parte dos expedientes incoados remata coa declaración de residuo sólido urbano e a retirada do vehículo, "existen moitos outros casos nos que os coches denunciados polas forzas de seguridade por presentar síntomas de abandono acaban sendo retirados antes polos seus propietarios".

Así, o Servizo de Disciplina Urbanística, Medio Ambiente e Policía Administrativa tamén remitiu nas últimas semanas á Dirección Xeral da Garda Civil e á Consellería de Presidencia 16 comunicacións nas que se indicaba que, tras as xestións da Policía Local, os vehículos que se denunciaran xa non se atopaban no lugar que se indicara. 

Comentarios