jueves. 22.10.2020 |
El tiempo
jueves. 22.10.2020
El tiempo

Pontevedra reducirá a 10 km/h a velocidade máxima en zonas de plataforma única

Unha rúa de plataforma única en Pontevedra. DP
Unha rúa de plataforma única en Pontevedra. DP
O concelleiro Demetrio Gómez anuncia ademais a publicación dun estudo sobre a estratexia de transformación da cidade

O concelleiro de Obras Urbanas e Transportes, Demetrio Gómez, presentou a nova medida que tomará o Concello de Pontevedra coa que reducirá a 10 km/h a velocidade máxima á que os vehículos poderán circular polas zonas de plataforma única na Boa Vila.

Gómez explicou que  "está demostrado, a través de estudos, que canto maior é a velocidade do vehículo máis aumenta exponencialmente o número de accidentes e máis aumenta exponencialmente a gravidade deses accidentes".

Nesta liña, o edil asegurou que, a pesares de que en Pontevedra se reduciron a cero os mortos por atropelo e de que se producen poucos accidentes "seguen producíndose algúns e temos que seguir traballando para que non se produzan". "Queremos que a cidade sexa aínda máis segura",  indicou.

Expuxo que nas vindeiras semanas se estudarán en que rúas se aplicará esta medida, así como a sinalización precisa para estes tramos. Tamén concretou que a medida afectará a todo tipo de vehículos, non só aos de motor, posto que "a rúa non é un lugar só para pasar, como sería o caso dunha estrada, senón que na rúa se fan máis cousas e os vehículos terán que adaptarse".

Publicación sobre o Modelo Pontevedra

Gómez anunciou que nas próximas semanas verá a luz o estudo de Fernando Nebot, que ten por título provisonal Primeiro a cidade. A mobilidade en Pontevedra 1999-2019. Esta publicación recolle a estratexia e os parámetros aplicados na transformación urbana da cidade e que é unha demanda constatada nas cidades e foros nos que leva participando Pontevedra.

"Cando saímos fóra sempre se nos pide algún tipo de publicación que recolla todo o traballo que levamos feito" asegurou o concelleiro. Nesta publicación analízase todo o realizado na cidade durante os últimos 20 anos e "o que pon de manifesto é que ten que haber un cambio de paradigma, primeiro temos que saber que tipo de cidade queremos para poder aplicar as solucións técnicas para acadala" concluíu.

Pontevedra reducirá a 10 km/h a velocidade máxima en zonas de...
Comentarios