O Concello de Pontevedra foi uns dos referentes para arquitectos de todo o mundo que participan na 17 edición de Europan, un concurso internacional para deseñar proxectos urbanos para lugares de toda Europa.
Europan organiza, previo a coñecer a decisión do xurado, un encontro dos autores dos máis de 230 proxectos seleccionados (dos 816 presentados) e o xurado. Este foro celebrouse esta semana en Viena, e Pontevedra foi escollida como plasmación real de loita dende os gobernos municipais contra o cambio climático.
O Goberno local estivo representado neste Foro de cidades e xurados de Europan 17 polo concelleiro de Servizos Urbanos básicos, Xaquín Moreda, e o director xeral de Protección Cidadá, Daniel Macenlle.
Europan é un concurso bienal para arquitectos menores de 40 anos de todo o mundo que ten por finalidade deseñar proxectos urbanos, paisaxísticos e arquitectónicos para lugares de toda Europa. Dende unha perspectiva de cambio social e económico nas cidades, o concurso ofrece a oportunidade de aprendizaxe intercultural.
A temática da 17 edición do Europan é Cidades vivas. Reimaxinar aquitecturas coidando as contornas habitadas. O obxectivo é explorar as capacidades rexenerativas dos medios vivos no medio de novas ecoloxías que tentan superar a oposición entre natureza e cultura, e o antropocentrismo en tempos marcados polas catástrofes naturais e unha emerxencia climática.
En Europan 17 participan 12 países e 51 emprazamentos. Presentáronse 816 proxectos e foron preseleccionados 237.
No marco da convocatoria do concurso Europan 17, celebrouse o Foro de cidades e xurados que a través de conferencias e grupos de traballo, reflexiona sobre o potencial dos proxectos preseleccionados polos xurados internacionais antes de que dean a coñecer os equipos gañadores do certame.
Neste marco participou Pontevedra na primeira xornada, o venres 10, na que se debateu como se implementan na realidade os proxectos gañadores. En concreto, no obradoiro Facendo fronte ao cambio climático expúxose a Boa Vila como exemplo real para facer fronte ao cambio climático.