A concelleira de Turismo, Yoya Blanco, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, protagonizaron este venres en Fitur, no pavillón de Galicia no Ifema, unha divertida presentación da campaña de Turismo de Pontevedra na que reivindicaron á "capital española do turismo verde, deportivo e gastronómico" como "a cidade na que mellor se vive do mundo". Durante o acto foron exhibidos dous vídeos: un deles, que abriu a presentación, centrado nos abraiantes espazos verdes urbanos que temos na nosa cidade, e o outro a cómica peza audiovisual realizada por Fernando Portela, coa actuación estelar de Paco, que transmite a filosofía de vida dos pontevedreses: 'Non todo vai ser sufrir!' #VenaPontevedra.
Á cerimonia asistiron o deputado Guillermo Meijón; a deputada provincial de Turismo, Ana Laura Iglesias; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, e os concelleiros populares Silvia Junco e Guillermo Juncal.
AGASALLO A PEDRO SÁNCHEZ. Tal e como acontecera na pasada edición de Fitur, a concelleira de Turismo aproveitou a visita á feira do presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, para facerlle entrega do agasallo repartido por Turismo de Pontevedra nesta cita, consistente nun set de produtos de Hifas da Terra: Mico Serum, Mico Soap, Reishi Infusion e Mico Lip Balm. Sánchez tamén levou unha bolsiña para a súa muller Begoña.