Pontevedra rende homenaxe aos seus veciños de 1936 "bos e xenerosos"

 O Concello lembrará, o 27 de novembro, a figura dos cidadáns que axudaron e protexeron aos perseguidos durante o alzamento militar
 

Alumnas do taller de Rita Sobrido, onde se refuxiaban nenas orfas de Pontevedra. CONCELLO
photo_camera Alumnas do taller de Rita Sobrido, onde se refuxiaban nenas orfas de Pontevedra. CONCELLO

O caso do médico de Xeve, José Costas, que ía atender aos fuxidos ás agachadas. O das corseteiras, as irmás Aurora, María, Niza e Nieves Martínez, que criaron ao fillo do alcalde Miguel García Filgueira. Ou do construtor Ángel Arosa, que fixo de balde unhas obras no taller de bordado de Rita Sobrido, viúva do mestre Germán Adrio, no que se xuntaban nenas orfas. Todos eles serán lembrados o luns 27 de novembro no Teatro Principal (20.30 horas, entrada libre), no que será un acto de homenaxe á ‘Pontevedra boa e xenerosa’.

"Esta é unha xornada de agradecemento a todas as persoas que durante o alzamento militar de 1936 e durante o franquismo foron solidarias coa súa veciñanza", explica o Concello ao respecto da organización da proposta. "Este acto busca ser un percorrido pola Pontevedra dun tempo gris que ollou brotar a solidariedade axudando nas fuxidas, dando agocho aos inocentes, compartindo comida coas familias ás que lle saquearan a casa, tecendo roupa no cárcere ou escribindo cartas polos que non sabían facelo".

MÚSICA. A xornalista Susana Pedreira presentará un acto no que participarán o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará. A música correrá a cargo de Os de Algures e do trío formado por Lucía César Veloso (voz e pandeireta), Álvaro Cardalda (acordeón) e Manolo Dopico (guitarra).

"Foron moitas as mulleres que prestaron axuda aos presos de Figueirido e moitas tamén as que se fixeron ‘madriñas’ dos presos de San Simón para lavarlles a roupa e ofrecerlles algo de comida", explica o Concello sobre outros casos que se lembrarán no Principal. As mulleres anónimas foron protagonistas de moitos deles. "Un dos acenos solidarios máis fermosos xurdiu entre as mulleres encarceradas na Normal de Pontevedra: estaban as que pertencían ao Socorro Rojo, as que participaran en manifestacións do Primeiro de Maio, as que apoiaban a Fronte Popular e mulleres de homes perseguidos. Todas teceron redes solidarias para axudarse".
 

Comentarios