Pontevedra rende homenaxe a Ricardo Portela no centenario do seu nacemento

Poñer en valor a traxectoria do coñecido como O gaiteiro de Viascón é o obxectivo dos actos que promove o Concello de Pontevedra este mércoes na casa na que viviu Ricardo Portela na rúa Laranxo. O acto enmárcase na homeanxe que o Concello de Pontevedra quere levar a cabo ó mestre co gallo do centenario do seu nacemento.

Este acto, que será reducido por mor das circunstancias derivadas da situación sanitaria, estará presidido polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e contará coas intervencións do concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, do neto de Ricardo Portela, Gonzalo Lorenzo Portela, do membro fundador do Colectivo Paseniño e do grupo Treixadura, Xoán López, e do presidente da Asociación Cultural Marmurios de Leucoíña e iniciador do Memorial Ricardo Portela, Eduardo Esteban. Tras as intervencións, o gaiterio Óscar Ibáñez interpretará "Aires de Pontevedra" en toque pechado.

O acto porá o foco na traxectoria de Ricardo Portela e no seu labor de dignificación da gaita galega e do toque pechado como forma de tocar diferenciada e propia do país, converténdoa en materia de estudo técnico e de gran valía artística.

Ricardo Portela está considerado como un dos grandes gaiteiros da historia galega, xunto con nomes como o de Xoán de Campañó ou Avelino Cachafeiro, e recoñecido como mestre e figura de referencia polos actuais gaiteiros e gaiteiras de sona internacional como Susana Seivane, Carlos Núñez ou Anxo Lorenzo.

Desde o Concello lémbrase que Pontevedra leva máis de 20 anos velando activamente polo legado do mestre gaiteiro mantendo o Memorial que leva o seu nome e colaborando coa escola radicada en Lérez, a Escola de gaitas Gaiteiros das Rías Baixas, a única de Galicia dedicada en exclusiva ao ensino do toque pechado. Ademais, no ano 2017 e coincidindo cos 25 anos do seu pasamento, instalouse unha placa conmemorativa na casa na que viviu Ricardo Portela na rúa Laranxo.

A cita da homenaxe deste mércores en Pontevedra será ás 13 horas e celebrarase coas medidas de seguridade anticovid.