Pontevedra retomará a programación cultural o 25 de maio con aforamentos reducidos

O Concello traballa en axustar o límite de público no Teatro Principal e no Pazo da Cultura ao tempo que baralla alternativas para esta nova etapa como a implantación de varios pases diarios
2020050312504861396
photo_camera Aspecto do patio de butacas do audiotorio do Pazo da Cultura durante un espectáculo do mes de xaneiro. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ARQUIVO)

A programación cultural que promove o Concello de Pontevedra retomarase o luns 25 de maio. Farase con aforamentos reducidos, tanto no Teatro Principal como no Pazo da Cultura, os dous espazos que dependen da administración local.

"Coas primeiras directrices do Goberno central sobre a desescalada, e pendente de maior concreción, a Concellería de Cultura de Pontevedra está a realizar un plan local de relanzamento cultural", informábase este sábado dende o Concello. "O primeiro paso é coñecer o aforamento permitido para o Pazo da Cultura e do Teatro Principal xa que a intención de Carmen Fouces é manter a programación cultural, na medida do posible, durante o que queda de ano".

A programación cultural de Pontevedra quedara suspendida o 14 de marzo, unha vez que o Goberno central declarou o estado de alarma debido á expansión do coronavirus. Cando avanzou o seu plan de desconfinamento, o pasado mártes 28 de abril, o presidente, Pedro Sánchez, informou de que os teatros e cines, con butacas preasignadas, poderían reabrir a partir do 25 de maio, dentro do que el chamou Fase 2 da desescalada. Segundo se dixo entón, os auditorios pechados poderían reabrir cun terzo do seu aforamento. No caso de actividades ao aire libre, sempre con público sentado, non poderían sobrepasar as 400 persoas.

De manterse esta norma, un terzo do Pazo da Cultura de Pontevedra, que ten 752 butacas, suporía 250 asentos dispoñibles. No caso do Teatro Principal, de 434 cadeiras poderían usarse 144. A partir do 8 de xuño, na Fase 3, estas condicións adaptaríanse á nova etapa e, posteriormente, ao que Pedro Sánchez chamou "nova normalidade".

A norma de abrir cun terzo da capacidade deixa ao Pazo da Cultura en 250 butacas e ao Teatro Principal en 144

O Concello, que prevé informar de como quedará establecido o novo aforamento a próxima semana, tamén baralla distintas medidas para atender a demanda dos espectadores. "Unha posibilidade pasa por realizar distintos pases na mesma xornada".

Todo isto porque o organismo municipal prevé ir superando as fases de desescalada como propón o Goberno, o que levaría a retomar a actividade cultural no Pazo e no Principal cos novos aforamentos permitidos.

"É intención da Concellaría de Cultura recuperar a programación que quedou en suspenso o pasado 14 de marzo na medida do posible xa que é coñecedora de que algúns espectáculos foron cancelados polas productoras". A concellaría indica, a maiores, que está disposta a asumir como propias certas propostas que non estaban patrocinadas polo organismo autónomo Pazo da Cultura.

Segundo informa Carme Fouces nun audio facilitado polo Concello, "só houbo un concerto internacional que tivo que ser adiado para o ano que vén, segundo nos comunicou a promotora, pero todo o que se poida recuperar, volverase programar nas condicións que nos esixan".

RELANZAMENTO. Carme Fouces tamén avanza "un plan global de relanzamento do sector cultural do concello", que inclúe a consolidación dunha programación estable durante todo o ano "para recuperar, na medida en que se poida, todos os contratos". A concelleira recoñece que o da cultura é "un dos sectores máis afectados pola crise sanitaria e económica".

Neste sentido, lembra que a versión dixital do Salón do Libro "permitiu manter os compromisos económicos previos cun importante número de empresas que participaban no evento".

Carme Fouces quixo transmitir "unha mensaxe de esperanza e tranquilidade ao sector" e reiterou o compromiso da administración local co mundo da cultura.

Comentarios