A Pontevedra que roza as nubes

Aínda que Pontevedra non sexa unha cidade de grandes alturas, tamén conta con inmobles dende os que acariñar o ceo. O edificio das Torres ou a sede da Xunta, con outros, sobresaen no perfil da urbe cara ao ceo e conforman o teito da Boa Vila
Dende a planta máis elevada do edificio da Xunta en Campolongo aprézase unha mostra do 'skyline' da cidade. GONZALO GARCÍA
photo_camera Dende a planta máis elevada do edificio da Xunta en Campolongo aprézase unha mostra do 'skyline' da cidade. GONZALO GARCÍA

Non abundan os rañaceos en Pontevedra. É unha cidade pequena e compacta con poucos edificios en altura, pero o certo é que, no 'skyline' da Boa Vila, esa liña que define o límite entre o ceo e as edificacións, destacan algúns inmobles recoñecibles para calquera que coñeza a cidade. Mellor ou peor integrados na paisaxe, son parte xa das vistas e calquera podería enumeralos: o edificio das Torres, a sede da Xunta en Campolongo, ou os bloques que conforman o barrio de Campolongo son só algúns exemplos de lugares dende os que se pode rozar as nubes.

"O que se ten en conta dende o urbanismo para valorar se un edificio está ben integrado conforme á súa altura é que manteña a proporción e a harmonía co entorno, que exista unha coherencia", explica o arquitecto e edil de Urbanismo, Xaquín Moreda. Porén, os edificios que sobresaen, ben plantexados, son tamén unha forma de dar personalidade a unha urbe, tal e como conta o presidente do Colexio de Arquitectos de Galicia na súa delegación de Pontevedra, Anselmo Villanueva.

Xaquín Moreda: "Un edificio ten que manter a proporción e a harmonía co entorno"

O edificio das Torres é un dos destacados do 'skyline' pontevedrés. Situado no número 14 da rúa García Camba, preside as alturas con trece plantas sen contar o baixo e unha envergadura de 60 metros do chan. Foi construído en 1960. Doce plantas ten o edificio onde se ubicaban os cines Gónviz, cunha altura de 55 metros e situado na Glorieta de Compostela. Tamén o coñecido como edificio de Adeslas, na rúa da Alameda, destaca no perfil de Pontevedra, con 50 metros de altura. Todos eles foron construídos nos 60.

SEDE DA XUNTA

Entre os edificios máis actuais que tocan o ceo pontevedrés está a sede da Xunta en Campolongo, con 55 metros de altura. Trátase dunha obra do arquitecto do Carballiño Manolo Gallego, que foi Premio Nacional de Arquitectura en dúas ocasións. "É un edificio moi alto e moi ben integrado que supón un fito na cidade e que ten unha interesante integración paisaxística", indica o presidente do COAG. "Ten un deseño moi interesante, con moito cristal, dende moitos dos corredores centrais do edificio poden contemplarse as vistas a un e outro lado", explica Villanueva, e engade que o edificio contou cun plan especial para a súa construción sen límite de alturas.

Anselmo Villanueva: "O edificio da Xunta supón un fito na cidade e ten unha interesante integración paisaxística"

Capítulo aparte merece o barrio de Campolongo, exemplo dun concepto de urbanismo propio dos anos 60. Por aquel entón, arquitectos de renome internacional como Le Corbusier propuxeron un cambio de paradigma no urbanismo da época, optando por edificios altos que concentraron un grande número de vivendas en altura para poder habilitar espazos verdes nos arredores. Arquitectos como Barbó ou Desiderio Ríos fixeron o propio en Pontevedra e puxeron o modelo en práctica en Campolongo.

"Non é un mal modelo, porque xera unha boa calidade ambiental e deixa moito espazo para o esparcemento, pero é certo que a longo prazo se demostrou que o mantemento destes edificios é máis custoso", conta Villanueva, que sitúa a altura máis rendible dos edificios entre as catro e as cinco plantas máis o baixo.

Non é o mesmo colocar un andamio de dez metros, que fixar unha estrutura maior. Así, realizar arreglos ou limpezas de fachadas en alturas de vertixe multiplica os custos. Pola súa parte, Xaquín Moreda engade que outra das deficiencias destas urbanizacións é que non favorecen o comercio. "Comprobouse en cidades como Brasilia, onde estes barrios se converten en zonas residenciais sen movemento, para o comercio son máis atractivas as cidades compactas", explica o concelleiro de Urbanismo. Con todo, para Moreda, o exemplo de Campolongo pode servir para ilustrar o dun modelo "equilibrado" e planificado, "outras veces ténselle metido altura aos edificios porque si".

César Portela: "Pontevedra tivo un barrio mariñeiro que perdeu carácter pola especulación edificatoria"

Pero, ao igual que un edificio alto non sempre impacta negativamente no seu entorno, a altura dos inmobles é relativa, xa que depende estreitamente da paisaxe na que estean enmarcados. Así, pode haber edificios que non son excesivamente altos pero que teñen un grande impacto na paisaxe urbana. Para o arquitecto César Portela, algúns edificios aparentemente non demasiado altos estragaron o 'skyline' da Boa Vila. Portela fala da Moureira, do barrio de San Roque, de toda a saída á ría da cidade. "Pontevedra tivo un barrio mariñeiro que foi perdendo o seu carácter pola especulación edificatoria". O arquitecto refírese á liña de edificios que rompen a continuidade entre os barrios mariñeiros da cidade e a ría, situados na Avenida de Uruguai e As Corvaceiras.

AS CORVACEIRAS

"O casco histórico de Pontevedra está nunha situación máis elevada e a continuación había uns barrios que baixaban cara á ría e que non se respectaron", conta o arquitecto. Desde xeito, antes da aprobación do PXOM de 1989, que permitiu —non sen críticas— a construción desa "masa edificatoria amorfa", como o describe o propio Portela, a vista da Moureira era moi diferente. "Aí acabouse co perfil medieval que tiña a cidade", apunta Moreda, que concorda en que as construcións da zona provocaron unha inconexión co mar e taparon monumentos tan simbólicos como a Basílica de Santa María, que outrora presidía o perfil da cidade dende o Norte.

Pero esta non é a única consecuencia de concentrar vivendas na zona. "Iso fixo aumentar a densidade de poboación e, con ela, a contaminación. Na actualidade, por exemplo, temos os peiraos da zona convertidos nun aparcamento", exemplifica Portela. Do mesmo xeito, critica que referentes da cidade como a igrexa da Peregrina, quedasen tamén tapados e lamenta que nunha época as cidades medraron perdendo parte do seu carácter. "Fíxose mal en todas partes, pero Pontevedra tiña unha situación privilexiada", conclúe.

Comentarios