Pontevedra sabe como celebrar o Nadal

Asociacións, colexios e colectivos coinciden festexando estas datas con diferentes propostas

Imaxe do recital 'O Ateneo faine Nadal no Museo'. CHRISTIAN FERNÁNDEZ
photo_camera Imaxe do recital 'O Ateneo faine Nadal no Museo'. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

Concertos de panxoliñas, mercadiños, recitais poéticos, visitas de Papá Noel e do Apalpador, festivais nos colexios... O Nadal fíxose totalmente coa axenda cultural de Pontevedra, mesmo antes do día do sorteo da Lotería, comezo oficioso das festas. Na xornada deste venres acumuláronse propostas de asociacións e colectivos, de centros escolares e institucións. E isto non fixo máis que comezar.

As actividades continúan este sábado coa celebración do festival de panxoliñas das corais da cidade (20.00 horas, Teatro Principal, entrada de balde); as propostas que se levan a cabo no mercadiño de artesanía que hai instalado na Praza do Teucro, Pontenadal (de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.30 horas); a tirolina e o tobogán da Praza de España; e as actividades de Mundonadal, no Recinto Feiral, que inclúen unha pista de xeo, obradoiros, inchables, xogos infantís e pista de karts (entrada ao recinto, 1 euro; ao parque de ocio, 3, e á pista de xeo, 5).

Celebrando o Nadal
Panxoliñas... de taberna
A agrupación Maravallada ofreceu dúas actuacións especiais do ciclo Cantos de taberna, interpretando panxoliñas, no Gastrobar Carolo e no Bar Americano.

Sétima feira na Oliva
O mercadiño de Sétima Feira trasládase, por mor das obras do Mercado, ás Galerías da Oliva. Inaugurouse este venres coa actuación de DJ Laese e un concerto de Soulmacklein.

Ateneo navideño no Museo
Quince poetas, cantantes e músicos, de Tamara Andrés a Óscar Ibáñez, participaron este venres no recital O Ateneo faise Nadal no Museo, que tivo lugar no Sexto Edificio.

Belén ao vivo no colexio Calasancio
A maioría dos centros escolares da comarca aproveitaron a última xornada lectiva antes das vacacións de Nadal para facer festa. No colexio Calasancio, por exemplo, montaron un belén ao vivo.

Contacontos de Cristina Collazo
O Centro Comercial A Barca está a celebrar a chegada do Nadal cunha programación especial. Este venres houbo unha sesión de contacontos a cargo de Cristina Collazo.

Concerto dos coros de Conservatorio
Os distintos coros do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga, baixo a dirección de Nanette Sánchez, ofreceron un concerto de panxoliñas, o pasado xoves, na igrexa de San Bartolomé.

Papá Noel visita a gardería do Campus
Os cativiños que acuden á escola infantil do Campus de Pontevedra recibiron, o pasado venres, a visita de Papá Noel, que se fixo unha foto con eles, as súas coidadoras e algúns papás.

Comentarios