O Concello de Pontevedra subliña as súas mulleres

O Concello colocará placas con biografías de mulleres nas rúas que levan os seus nomes ► Virxinia Pereira nomeará un novo espazo público ► Moreda quere homenaxear á Señora Lola cunha intervención artística e facerlle esculturas ás lavandeiras ou ás costureiras
Josefina Arruti. DP
photo_camera Josefina Arruti. DP

Darlle un maior protagonismo ás mulleres nos espazos públicos de Pontevedra é unha das liñas de traballo que o Concello pretende reforzar nos próximos meses coa colocación dunha serie de placas nas rúas da cidade que levan nome feminino. O primeiro destes paneis, que conteñen datos biográficos e incluirán un código QR que remitirá á web ‘Do gris ao violeta’ (www.dogrisaovioleta.gal), instalarase na avenida Josefina Arruti

Segundo anunciou este venres o concelleiro de Patrimonio Histórico e Urbanismo, Xaquín Moreda, está previsto realizar esta mesma actuación no parque que leva o nome de Amalia Álvarez e na avenida de María Victoria Moreno. "A intención é ir colocando dous ou tres paneis ao ano. Tamén se colocarán placas en espazos públicos cos nomes de Rosalía de Castro e Concepción Arenal", sinalou o concelleiro, que enmarcou estas iniciativas dentro dun plan de actuacións que ten como obxectivo incrementar e destacar a presenza das mulleres nos espazos públicos pontevedreses.  

"Os paneis tamén chegarán a rúas de nova apertura pero que xa contan con nomes asignados como Vasquida García, Dolores Trabado ou Ernestina Otero todas elas no ámbito da antiga Tafisa", explica o Concello. 

MARÍA VINYALS. Neste sentido, Moreira anunciou que o Concello, entre as actividades que pensa levar a cabo polo 50 aniversario do pasamento de Virxinia Pereira, incluíu a de buscar un sitio ao que darlle o seu nome. O mesmo pasará coas represaliadas Elvira Lodeiro e Consuelo Acuña, ou con María Vinyals. Igualmente, este plan de traballo busca darlle visibilidade a distintos espazos significativos da represión franquista en Pontevedra. 

PASARÓN. O plan do Concello tamén inclúe darlle continuidade ás intervencións artísticas que se iniciaron co mural A historia das mulleres, "ben con outros murais de autor, con fotografías ou con grafitis". Unha das opcións que se barallan neste sentido é facerlle unha homenaxe a Dolores Calviño A Señora Lola, afeccionada e traballadora do Pontevedra C.F., nas inmedicacións do estadio Pasarón. 

Finalmente, Xaquín Moreda tamén anunciou que o Concello estuda incrementar o número de conxuntos escultóricos da cidade. "Agora mesmo, a maioría están adicadas a homes. Hai que intentar equilibrar a balanza". Neste caso estúdanse homenaxes ás lavandeiras do Gafos, ás mulleres do agro que viñan vender os seus produtos á cidade ou ás costureiras "que cruzaban a Ponte do Burgo coa máquina na cabeza".

Comentarios