Pontevedra se suma a la conmemoracion de los cien años de las Irmandades da Fala

O Museo estrea este mércores a exposición 'Saúde e Terra, irmá(n)s', organizada pola RAG ►'Meu Pontevedra!' deixa un balance de 12.000 visitantes
Parte da mostra que se poderá ver no Museo de Pontevedra
photo_camera Parte da mostra que se poderá ver no Museo de Pontevedra

Un violín de Quiroga soará este mércores no Museo de Pontevedra. Será concretamente o que o músico lle regalou ao seu amigo Losada Diéguez, "restaurado e en perfecto estado de conservación", que forma parte da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s, coa que a Real Academia Galega (RAG) conmemora o centenario do nacemento das Irmandades da Fala. Pontevedra súmase á celebración da efeméride traendo ao Museo esta mostra, que se abre ao público este mércores á tarde (20.00 horas) coa presenza de diversas autoridades, entre outras, o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero; o director do Museo, Carlos Valle, e o deputado de Cultura, Xosé Leal. Faino apenas uns días despois de pechar outra gran mostra conmemorativa, a que lembraba os cen anos da chegada de Castelao á cidade, Meu Pontevedra!, que deixa tras de si o balance de 11.851 visitantes. "O conxunto da oferta expositiva do Museo de Pontevedra superou os 40.000 visitantes durante este verán", informou onte a Deputación Provincial.

"Quiroga era venerado polas Irmandades da Fala", conta o deseñador Pepe Barro, coordinador dos contidos da mostra. "Por iso nos pareceu interesante incluír o violín". A exposición, dividida en dez bloques temáticos, está chea de curiosidades e pezas fundamentais da historia da cultura galega, dende as lentes de Vicente Risco ao tinteiro de Manuel Lugrís, pasando por documentos de Alexandre Bóveda ou o orixinal do manifesto Máis Alá!.

Pepe Barro, deseñador "As Irmandades non só teñen unha vertente política, senón tamén cultural. Facer cultura era un deber patriótico"

Saúde e Terra, irmá(n)s recupera a historia da organización que precedeu ao Partido Galeguista e do seu tempo. "Falan galego, trátanse de irmáns e irmás, unha estrela é o seu contrasinal, traen a fouce como emblema e deséxannos saúde e terra. Son os homes e as mulleres das Irmandades da Fala", reza o folleto dunha exposición da que forman parte o primeiro disco no que se gravou o himno galego (1918); o retrato que lle fai Camilo Díaz a Ánxel Casal na cadea, poucos días antes de morrer, historia que logo fabulou Manuel Rivas en O lapis do carpinteiro; o manuscrito orixinal de Arredor de si, de Otero Pedrayo, e pezas inéditas como unha caricatura de Villar Ponte feita por Álvaro Cebreiro.

"A proposta que fai a exposición vertébrase arredor de dez cabinas temáticas, onde se mostran documentos, obras de arte e outros materiais, pero na que tamén se escoita aos irmáns a través de actores de dobraxe", explica Pepe Barro.

O deseñador explica que se intentou facer un retrato da que foi a primeira organización na que militaron Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Losada Diéguez ou Otero Pedrayo, que define a Galicia por primeira vez como nación e emprega o galego na vida cotiá.

"As Irmandades non só teñen unha vertente política, senón tamén de tipo cultural. E moi importante", conta Pepe Barro. "Para eles facer cultura era o mesmo que facer política ou, incluso, diría que un xeito de facela. Escribir ou pintar era un deber patriótico". De aí a cantidade de pinturas, esculturas e textos literarios que se atopan nesta mostra. "Este traballo é unha encomenda coa que se trata de render unha homenaxe, pero tamén coa que se quere debuxar o que era o país naquel momento. Resumimos 16 anos de traballo durante a ditadura de Primo de Rivera, unha etapa que chega ao seu fin cando, en 1931, se funda o Partido Galeguista, precisamente en Pontevedra, e as Irmandades deixan de existir".

Comentarios