Pontevedra terá un Entroido de colección

O ilustrador Kiko da Silva homenaxea os 40 anos da volta á rúa do carnaval cun álbum de cromos que reúne todos os carteis dende 1984 ► O póster de 2024 réndese á figura de Castelao coa recreación dunha das súas obras, 'O neno das piñas', pero con Ravachol como protagonista

O edil de Festas xunto aos pregoeiros e aos autores do cartel do Entroido de 2024. DAVID FREIRE
photo_camera O edil de Festas xunto aos pregoeiros e aos autores do cartel do Entroido de 2024. DAVID FREIRE

Pontevedra terá un Entroido de colección. O ilustrador Kiko da Silva volve facerse cargo do deseño dunha programación que renderá homenaxe aos 40 anos do carnaval en Pontevedra. Farao cun álbum de cromos que reúne todos os carteis feitos dende 1984 e no que se lembra dos seus autores: Xuán Gómez, Miguel López Lago, David Campos, Ramón Lastra, Arturo Reboiras Rosales, Mariano Casas Gil, Ovo Publicidade, Santi Paredes e o propio Da Silva. 

O póster para 2024 recrea O neno das Piñas, unha obra na que Castelao reivindica a importancia do monte e o seu amor pola terra. Da Silva reinterpreta esta creación, na que emprega a mesma técnica pictórica (a man, con acuarela e gouache) que usou en 1926 o intelectual galego, situando a figura de Ravachol como protagonista. O título da mesma, O loro das riñas, tamén se adapta á irreverencia do papagaio, símbolo do Entroido pontevedrés. 

"Para min é a obra máis fermosa de Castelao", destacou onte o ilustrador, que sinalou que a peza está custodiada no Museo de Pontevedra, institución que en 2023 converteu esta imaxe nunha postal de promoción institucional e turística tras unha campaña de votación a través das redes sociais. 

A Murga do Naveiro dará o pregón das festas o vindeiro 9 de febreiro na Ferrería

Da Silva lembrou o 138 aniversario do nacemento de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao e a importancia da súa traxectoria para o humor gráfico, do que tamén se nutre esta festa. De feito, este martes celebrouse o Día da Ilustración en homenaxe a aquela efeméride. "Cando recibín este encargo tiña claro que non podía ser Kiko da Silva quen fixera este cartel, senón o Castelao do século XXI", dixo o artista gráfico caracterizado co sombreiro e os míticos lentes do intelectual. 

A presentación da programación tamén serviu como despedida do que foi autor dos carteis do carnaval da capital da provincia en 19 ocasións. "É o colofón e o peche do meu paso por este marabilloso Entroido que temos. Decidín despedirme dunha maneira diferente, pontevedresa e reivindicativa", dixo Kiko da Silva tras agradecer aos autores que ilustraron o carnaval da capital, a Caqui Viñas ("que cedeu parte da súa colección" de carteis) e á fotógrafa Paula Andrés, que se encargou de retratar para o álbum deste ano os pósters antigos, de gran tamaño, que non estaban dixitalizados). No seu discurso, Da Silva tamén fixo un alegato a favor da liberdade de expresión e contra as intelixencias artificiais, que usan "de maneira ilegal os dereitos de autor para alimentar a grandes multinacionais supostamente creativas". 

Os pratos fortes da celebración

A programación festiva do carnaval pontevedrés foi presentada este martes polo edil de Festas, Demetrio Gómez, quen subliñou que o deseño deste ano "é unha homenaxe a todas aquelas persoas que fan posible e celebran o Entroido". "O de Pontevedra é o mellor Entroido urbano de Galicia", recalcou. 

A festa comezará o vindeiro 9 de febreiro na Praza da Ferrería coa recepción a Urco, o rei do Entroido, que chegará acompañado do seu séquito e das comparsas Las Flores del Carnaval, Os 100 Tolos e Os Solfamidas. A continuación, ás 21.30 horas, terá lugar a lectura do pregón, do que se fará cargo a Murga do Naveiro, que en 2024 cumpre dez anos de vida. 

"Estamos encantadísimos. É unha honra facer o pregón de Pontevedra. Esperemos estar á altura e deixar pegada", manifestou Pablo Grela, membro deste conxunto, que promete un inicio de festa "divertido" e tamén moi crítico. "Imos ter que soltar carnaza. As eleccións (galegas, do 18 de febreiro), dannos moito xogo", engadiu. 

Un dos pratos fortes do Carnaval será o desfile, que terá lugar o 10 de febreiro, con saída dende Xosé Malvar e chegada á Alameda. Tamén o será a presentación do Ravachol, do día 12, na que se desvelará o motivo da crítica deste ano do emblemático papagaio. 

O martes de Entroido terán especial protagonismo os piratas, en horario de mañá, para os máis cativos, e nocturno, para o resto. Haberá Festa Pirata Infantil, con concerto de Pablo Díaz e a banda Tic Tac Toc, na Praza da Ferrería a partir das 17.00 horas. E o desembarco da tripulación do Burla Negra no casco histórico comezará ás 20.00 horas, coa Noite Pirata en pleno apoxeo. 

A sesión vermú das murgas manterase no calendario festivo. Celebrarase o sábado 17 de febreiro, xornada de reflexión electoral. Será ás 12.30 horas na Praza da Verdura, Curros Enríquez e nas escaleiras do Teatro Principal. E nela participarán tres conxuntos: Os do Val do Lérez, Equipo Ja e a Murga do Naveiro. 

O Entroido finalizará oficialmente ese mesmo día co enterro e velorio do Ravachol. Será, coma sempre, na Ferrería. O orixinal libriño coa programación álbum de cromos, do que se imprimirán 10.000 exemplares, poderá recollerse a partir deste venres na Oficina de Turismo e na sede do Servizo de Festas, en Churruchaos.

O programa para o Carnaval que vén
Entroido1

Venres 9 ► Pregón
Praza da Ferrería. 21 horas. Recepción do alcalde a Urco, rei do Entroido. E lectura do pregón a cargo da Murga do Naveiro.

Entroido2

Sábado 10 ► Desfile
Saída do desfile de Entroido dende José Malvar (17.00 horas), con chegada á Alameda. Ás 20 horas, festa de Entroido na Ferrería.

Entroido3

Luns 12 ► Ravachol
Praza da Peregrina. 19.30 horas. Presentación do papagaio Ravachol e recreación da botica de don Perfecto Feijóo. E concerto de Lerçe.

Entroido4

Martes 13 ► Festa Pirata
A festa infantil será na Ferrería ás 17 horas. A Noite Pirata comeza ás 20 horas no casco vello. Ás 21.30 horas actúan os Gin Toni’s na Ferrería.

Entroido5

Mércores 14 ► A Corrida da Rosca
Casa da Cultura de Campañó. 16.30 horas. Recuperación do Entroido tradicional da parroquia, con festa infantil.

Entroido6

Xoves 15 ► Final das Murgas
Pazo da Cultura. A partir das 21 horas. Final do Concurso de Murgas, que este ano chega á súa vixesimo segunda edición.

Entroido7

Venres 16 ► Mostra da Parodia
Centro da cidade. A partir das 22.30 horas. XXVII Mostra da Parodia do Entroido. Os premios entregaranse ás 1.00 horas na Ferrería.

Entroido8

Sábado 15 ► Velorio infausto
O Entroido de Pontevedra finaliza co velorio e a incineración do seu símbolo, o papagaio Ravachol. Na Ferrería. A partir das 21 horas.

Comentarios