martes. 24.05.2022 |
El tiempo
martes. 24.05.2022
El tiempo

Pontevedra terá un hospital de día adicado a saúde mental infanto-xuvenil

Xornada sobre saúde mental, este venres en Pontevedra. GONZALO GARCÍA
Xornada sobre saúde mental, este venres en Pontevedra. GONZALO GARCÍA
O conselleiro de Sanidade anunciou a creación de sete unidades especializadas no horizonte de 2024 nos hospitais galegos

Montecelo contará cun hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil. Así o anunciou este venres o conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, no transcurso dunha xornada sobre o presente e o futuro da saúde mental en Galicia. O titular de Sanidade subliñou que neste mes a Administración autonómica porá en marcha este mes a cuarta destas unidades. Estará ubicada na área de Lugo, e o obxectivo do Goberno galego é chegar, no ano 2024, a sete, un por área sanitaria. O ano que vén unha segunda unidade de hospitalización de agudos para pacientes psiquiátricos desta idade, que se emprazará no Hospital Álvaro Cunqueiro e, este mesmo mes, a Xunta licitará a súa obra.

Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego remarcou o apoio da Xunta ás entidades sociais que xestionan centros de rehabilitación psicosocial, minirresidencias ou pisos protexidos, xa que o obxectivo de toda actuación en saúde mental ten que ser a inclusión plena na sociedade. Este apoio concrétase, –proseguiu o conselleiro–, con convocatorias de axudas de máis de 800.000 euros anuais e cun apoio máis estrutural aumentando as prazas concertadas. Así, neste ano, o Goberno galego destina 8,1 millóns, máis do 30% superior á contía que había no 2020, "e a nosa previsión é chegar ao 2024 superando os 9,5 millóns, un 55% máis do presuposto inicial, o que supón acadar 320 prazas máis, logrando superar as 1.500", dixo García Comesaña.

Tamén incidiu o conselleiro en que, nesta lexislatura, o Sergas porá en marcha as tres primeiras unidades de detección precoz dos primeiros episodios psicóticos.

Máis profesionais

O Plan de Saúde Mental 2020-2024, posto en marcha pola Xunta cun presuposto de 83 millóns, recolle un compromiso de contratación de 241 novos profesionais, 120 dos cales xa están a traballar en novos programas de saúde mental nas sete áreas sanitarias.

Outro punto que destacou o máximo responsable da sanidade pública galega é a prevención do suicidio e, ao respecto, remarcou o plan específico que ten a Xunta neste eido, do que vén de actualizarse o seu protocolo para a prevención no ámbito escolar e, este ano, o Sergas completará o obxectivo de que as sete áreas sanitarias teñan unidade de prevención.

García Comesaña acreditou que, coas medidas que se están a tomar dende o seu departamento no ámbito da saúde mental, que a situación presente "está razonablemente ben diagnosticada e contamos tamén cunha visión bastante clara de cara a donde queremos ir no futuro".

Pontevedra terá un hospital de día adicado a saúde mental...
Comentarios