Patrocinado polo Concello de Pontevedra

Pontevedra terá un novo Parque da Camelia na rúa Ernesto Caballero

Este novo espazo verde terá unha superficie de 11.000 m2 adicados a especies de valor floral e custará 1,5 millóns de euros procedentes dos fondos Next Generation
Imaxe actual da parcela que albergará o futuro parque da Camelia de Pontevedra. JAVIER CERVERA
photo_camera Imaxe actual da parcela que albergará o futuro parque da Camelia de Pontevedra. JAVIER CERVERA

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural proxecta dotar a unha das máis importantes bolsas de solo verde da zona Leste da cidade, a UA 23, situada entre as rúas Ernesto Caballero e José Malvar, nas inmediacións da pasarela do tren, dun Parque da Camelia que exhiba varias das variedades máis singulares e prezadas no mundo e que se converta nun espazo simbólico.

Esta proposta formúlase dentro dun ambicioso plan de desenvolvemento urbanístico iniciado co proceso de expropiación das propiedades incluídas nesta unidade de actuación (ao igual que aconteceu coas parcelas da traseira do Pavillón dos Deportes), prevista polo PXOU como zona verde, contemplando a urbanización e mellora paisaxística de todo o contorno, a creación dun novo parque infantil e a instalación de mobiliario e iluminación.

Segundo explica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes "o conxunto de parcelas que conforman esta enorme zona verde suma máis de 11.000 metros cadrados, isto é, case dúas veces o terreo de xogo do campo de fútbol de Pasarón, polo que esta intervención traducirase no desenvolvemento urbanístico dunha zona da cidade que se atopa agora mesmo incompleta".

O proxecto, que suporá un investimento de 1,5 millóns de euros, incluirá a súa urbanización, a dotación de mobiliario e iluminación e a instalación dun novo parque infantil.

Infografía do proxecto. DP
Infografía do proxecto. DP

Pontevedra é a cidade da camelia, pero carece dun lugar representativo cunha colección de variedades de camelias orixinais e singulares. "Poren, queremos crear un parque dedicado á camelia, que se converta nun espazo simbólico e representativo para a cidade, incorporando variedades valoradas polas súas flores, olor, características e porte, e esta zona verde situada na traseira de Ernesto Caballero parécenos moi acaída para ubicalo, xa que ten unhas condicións de sombra apropiadas para a camelia e un chan bastante fértil", engade.

O desenvolvemento urbanístico desta zona iniciouse mediante a vía da expropiación, unha das vías que a lexislación establece e que solicitaron os propios veciños.

Os obxectivos do proxecto, elaborado polo enxeñeiro técnico agrícola José Manuel Pino (documento administrativo necesario para iniciar o procedemento expropiatorio), pasan por mellorar o valor paisaxístico do espazo mediante adotación dunha mellor composición a nivel de xardinería, así como dasinstalacións de rega que permitan a conservación dos seus valores estéticos,a creación dun parque dedicado á camelia, a instalación dun parque infantil que complete a oferta deste tipo de equipamentos no barrio e a xeración deámbitos de socialización comunitaria, encontro e realización de actividadeslúdicas mediante a dotación de áreas de estancia dentro do parque.

O parque inspírase nun catálogo que publicara en 1882 a escola práctica de agricultura de Pontevedra

Inspirado nun catálogo

Catálogo que inspira o parque. DP
Catálogo que inspira o parque. DP

O futuro parque da Camelia está inspirado no Catálogo de Árbores, Arbustos,Plantas, Bulbos e Sementes, publicado en 1882 pola Escola Práctica de Agricultura de Pontevedra, unha institución de vida efémera que estaba situada na Caeira, e que dependía da Deputación. A súa actividade principal estaba dirixida ao deseño de xardíns e explotacións agrícolas. Esta escola foi quen de impulsar a entrada e o desenvolvemento do cultivo da camelia na provincia de Pontevedra e en Galicia.

As actuacións contempladas neste proxecto, que suporán un investimento que rondará os 1,5 millóns de euros, contan cun importante financiamento procedente dos fondos Next Generation destinados á futura vía verde que conectará Pontevedra e O Salnés prevista. Este novo espazo verde que transita por Ernesto Caballero inclúese no trazado desta vía verde que conectará Pontevedra e O Salnés e que está prevista no Plan de Sostibilidade Turistica en Destino (PSTD) subvencionada cunha achega de 900.000 euros. Así, unha parte dos fondos que se destinarán á vía verde reverterán a transformación deste contorno.