domingo. 16.01.2022 |
El tiempo
domingo. 16.01.2022
El tiempo

Pontevedra traza o camiño á liberdade

O Concello lanza a súa campaña contra a violencia machista con motivo do 25-N co CIM saturado de novos casos de mulleres vítimas

Percorrido á liberdade elaborado polo Concello de Pontevedra con motivo do 25-N"A violencia machista é real, existe e destroza vidas". Esa é a sentencia de Rosa Campos, directora do CIM, contra os novos discursos que empoderan ao maltratador e cuestionan ás vítimas. Ás portas do 25-N e durante a presentación da campaña de concienciación con motivo do Día Internacional contra as Violencias Machistas, Campos daba conta este martes da saturación do CIM, "un asunto que teremos que abordar nalgún momento", explicaba.

Pola súa parte, a concelleira de Igualdade, Paloma Castro, falou das actividades previstas con motivo da efemérede, que inclúen o reparto dun mapa esquemático no que se resume o proceso legal, pero tamén psicolóxico, polo que pasan as vítimas para saír dunha situación de violencia. Un proceso que, en demasiadas ocasións, se converte nun calvario xudicial pero que merece a pena para fuxir do círculo da violencia e comezar unha nova vida lonxe do maltratador. Este mapa repartirase en forma de folleto e colocarase en espazos publicitarios do Concello a partir do 11 de novembro.

Ademais, os actos continuarán o día 14 cun monólogo a cargo da actriz Baia Fernández dirixido a público xuvenil dos institutos.No mesmo acto, entregaranse os Premios Ernestina Otero de igualdade no ensino. A partir do 18 de novembro, a cidade súmase tamén á campaña Pontevedra en Negro co reparto de folletos e camisetas entre a cidadanía, o comercio e os centros escolares. Do mesmo xeito, o Concello despregará unha pancarta co lema desta iniciativa o 19 de novembro.

O día 21 celebrarase unha exposición fotográfica baixo o título Desmontando o amor romántico, na que participan diversas artistas galegas e que terá un carácter itinerante polas parroquias do Concello. O Teatro Principal acollerá outra representación, esta vez para público adulto. Trátase da obra As Pementeiras, que se porá en escenas ás 21.00 horas de balde.

A Praza da Ferrería acollerá o acto central organizado para o 25 de novembro, no que se pretende implicar aos estudantes dos centros educativos de Pontevedra. Tal e como indicou Paloma Castro, o programa pecharase o sábado 30 de novembro na Sala Almofrei da Casa Azul coa celebración dun curso de autodefensa con prazas limitadas para mulleres de tódalas idades. Cómpre inscribirse no enderezo electrónico [email protected] pontevedra.eu.

Tanto a concelleira de Igualdade, Paloma Castro, como Rosa Campos e a axente de igualdade Mercedes Renda, que presentaron os actos previstos, coincidiron na necesidade de visibilizar un problema ao que é preciso seguir poñendo solucións. Neste sentido, Campos defendeu os beneficios da actual Ley de Medidas de Protección Integral contra la Violencia de Género, agora cuestionada por certos partidos de extrema dereita como Vox. "É un instrumento fundamental para as vítimas, que visibiliza o problema e facilita a vida das mulleres, pero hai que seguir avanzando". Neste sentido, as expertas en igualdade poñen o foco na necesidade de protexer aos menores fillos de maltratadores e en mellorar o ámbito xudicial. "Os menores están invisibilizados e desprotexidos, ponse unha orde de afastamento á nai e eles teñen que manter un réxime de visitas, sendo moitas veces instrumentalizados polo maltratador", denunciaron.

Pontevedra traza o camiño á liberdade
Comentarios
ç