Pontevedra viaxa a Vitoria para coñecer as súas estratexias fronte ao cambio climático

Unha delegación encabezada polo edil Iván Puentes intercambiará experiencias coa cidade vasca
Iván Puentes. J.L. OUBIÑA
photo_camera Iván Puentes. J.L. OUBIÑA

Unha delegación pontevedresa encabezada polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, viaxará esta semana a Vitoria co fin de compartir estratexias sobre renaturalización e cambio climático. A comitiva tamén contará coa presenza da edil de Turismo, Yoya Blanco; o xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, e o director do departamento de Enxeñería Civil da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canles e Portos da UDC, Alberto Varela, investigador dalgunha das actuacións incluídas na Rede Verde que prevé acometer o Concello.

O intercambio terá lugar os días 10 e 11 de novembro e buscará establecer liñas de colaboración coa urbe do País Vasco, a cal dispón de varios proxectos subvencionados pola Fundación Biodiversidade, a mesma entidade que xestiona os fondos europeos cos que se prevé actuar na Boa Vila. A axenda incluirá reunións técnico-políticas e visitas a varias infraestruturas verdes de interese.

Segundo sinalou Puentes, o Concello recibiu a semana pasada a visita dun grupo de técnicos da Fundación Biodiversidade cos que se definiu un plan de actuación e o cronograma da Rede Verde. Agora, con esta viaxe a Vitoria, o edil prevé "coñecer de primeira man as propostas e experiencias dunha urbe que, ao igual que nós, decidiu apostar por un modelo de cidade verde e sostible, así como amosarlles algunhas das ambiciosas e pioneiras actuacións que imos executar nos eidos da renaturalización e a resiliencia".

Proxectos

 Os proxectos da Rede Verde Pontevedra contan co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, e serán financiados co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que promoveu o Goberno cos fondos europeos Next Generation. As actuacións proxectadas no municipio ascenden a 4,7 millóns, dos que a Fundación Biodiversidade financiará o 95% e o Concello o 5%.

Entre as intervencións están incluídos o plan para destapar o treito urbano do río dos Gafos ao seu paso por Campolongo (2,3 millóns), a mellora ecolóxica no contorno do parque de Rosalía de Castro e a avenida de Compostela (1,1 millóns), a restauración ecolóxica da marisma da Xunqueira de Alba (368.530 euros), e a mellora dos parques de Tafisa e María Vinyals (190.000 euros). Ademais, está previsto o deseño dunha especie de PXOM de espazos verdes, ao que se destinarán 110.813 euros.

Comentarios