sábado. 17.08.2019 |
El tiempo
sábado. 17.08.2019
El tiempo

Pontevedra vista cos ollos dun neno

Unha das fotografías do catálogo. DP
Unha das fotografías do catálogo. DP

A cidade conta cun novo catálogo fotográfico dirixido á promoción turística

A CIDADE en Imaxes chega a Pontevedra en formato postal para retratar os seus lugares máis emblemáticos, esta vez a través dunha ollada empapadade pureza infantil. O concurso fotográfico, que constituíu o xerme da exposición rueira situada na Praza de Ourense, preséntase esta semana en forma dunha pequena publicación para promocionar a capital provincial a partires de 45 fotografías de diferentes puntos da urbe realizadas por 45 nenos de entre oito e doce anos. Asimesmo, o catálogo recolle imaxes dos propios pequenos autores a modo de testemuña da autonomía coa que se moveron ao longo da rúa.

As arquitectas Ana Barreiro, Marta Guirado e África Martínez foron as nais deste proxecto que, en palabras da primeira, "naceu a causa da sensibilidade de Taller Abierto cara ao espazo público e cara a infancia".

O motor do proxecto foi a vontade de mostrar o modelo de cidade pontevedrés, caracterizado pola peonización e, por conseguinte, pola ausencia de certos riscos, o cal forma parte da calma cotiá dos pais que velan polos seus fillos. As xornadas fotográficas que desembocaron na creación do catálogo guiáronse polo mesmo interese de fondo: concienciar á xente da falta de perigos para percorrer as rúas. "Unha ventaxa coa que non contan outras cidades", tal como aseguraron as encargadas de Taller Abierto.

A mostra fotográfica conta coa aprobación da consellería de Promoción Económica para dar a coñecer a cidade

Para conseguir ese punto de vista, diverxente ao de calquera adulto, os nenos botaron man de cámaras desechables coas que capturaron os escenarios da cidade do Lérez, "deixando ao descuberto gran cantidade de detalles nos que as miradas máis maduras non adoitan reparar, aínda que sexa tan só pola diferenza de estatura", segundo apuntou Ana Barreiro.

O concurso tamén contou cunha fase aberta á participación dos adultos, tanto afeccionados como profesionais. A acollida foi bastante positiva, posto que Taller Abierto recibiu 120 fotografías que, posteriormente, se someteron ao veredicto dun xurado conformado por especialistas do ámbito da fotografía e a creación artística. Segundo a arquitecta "as imaxes gañadoras reflexan a espontaneidade e a liberdade característica dos nenos, neste caso co foco posto nas rúas de Pontevedra".

A mostra fotográfica xa ten o visto bo da concellería de Promoción Económica. O que falta por decidir é a tirada, a data de impresión e o uso destinado a estas imaxes, que poderían plantexarse como un catálogo que incluise as fotografías tomadas polos nenos ou como tarxetas postais dirixidas aos turistas. Sempre co propósito de transmitir esa sinxela complexidade coa que os máis pequenos perciben as prazas, as vías e mesmo as arboledas nas que pasaron a maior parte da súa vida.

Pontevedra vista cos ollos dun neno
Comentarios