Pontevedra xa conta coa aprobación do Goberno para crear a súa Axenda Urbana

Esta  primeira confirmación comporta unha axuda económica de 200.000 euros para a elaboración do documento final
Anabel Gulías. CEDIDA
photo_camera Anabel Gulías. CEDIDA

O Concello de Pontevedra recibiu hai uns días a confirmación oficial por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica da aprobación da Axenda Urbana deseñada para o municipio. Esta Axenda é un documento técnico que delimita as liñas do futuro da cidade de Pontevedra.

Trátase dun documento "moi importante", en palabras da portavoz do Goberno, Anabel Gulías, que vén a sinalar as liñas mestras dos vindeiros anos para a Boa Vila, chegando a ser un documento  "imprescindible" para a concesión de novos fondos europeos, como poden ser os fondos EDUSI.

"Estamos moi contentas de contar xa con esta confirmación, pois comporta unha axuda de 200.000 euros para a elaboración completa deste documento", explica a edil. "Quero determe nunha compoñente esencial, que é a da articulación deste documento coas achegas de todos e de todas. Refírome á veciñanza, pois sabiamos, cando foi presente este documento, que a participación tiña que ser un punto forte, como sempre o foi desta Pontevedra do futuro que queremos debuxar. Imos ter actuacións participativas que van sustentar a elaboración final do documento."

O Concello quere que a participación cidadá sexa un dos puntos máis importantes e claros durante a creación da Axenda

Así, os seguintes pasos van establecidos a través de tres fases diferentes: diagnose, recollida de achegas e redacción formal do plan.

Dentro das canles de participación, o Concello tentou fuxir das formas tradicionais, aínda que tamén están contempladas. "Queremos ir un pasiño máis aló e traballar a pé de rúa, con puntos de información para pulsar un pouquiño máis, con todos os rigores estatísticos permitidos, pulsar nos diferentes barrios cal é a opinión da veciñanza", sinalou Gulías, que tamén comentou que está contemplada a alianza con asociacións do tecido cultural e social da cidade para seguir traballando en cuestións que teñan que ver coas liñas básicas da Boa Vila.

Doutra banda, tamén será creada unha web oficial que ofrecerá información en tempo real do proxecto, amais da organización de xornadas de traballo con charlas, coloquios e fomento de novas ferramentas para continuar afondando na participación colectiva.

O Concello ten por diante dezasete meses, seguindo o cronograma proposto, para ir traballando neste deseño da Axenda Urbana.

Comentarios