Retirados 118 niños de velutina no rural pontevedrés e 22 máis na cidade en tres meses

O Concello advirte de que "temos que aprender a vivir coa vespa asiática porque vai a seguir connosco"

Nido de avispa velutina. DAVID FREIRE
photo_camera Niño de vespa velutina. DAVID FREIRE

 O Grupo de resistencia antivelutina de Pontevedra, integrado por voluntarios —todos apicultores— e técnicos do servizo de Medio Ambiente Natural están a protagonizar unha loita contra a praga da vespa asiática que se abre tamén paso no centro urbano, onde son os bombeiros os que responden as chamadas de auxilio da veciñanza. Os esforzos céntranse en tratar de minorar a súa expansión coa retirada de niños o con campañas de trampeo para capturar raíñas. Segundo as cifras facilitadas polo Concello da Boa Vila, son xa 118 os eliminados nas parroquias pontevedresas nos últimos tres meses e 22 máis no centro urbano.

No seu escrito, concelleiro de Medio Ambiente Natural, Alberto Oubiña, destaca que a loita contra a praga é competencia da Xunta, pero "o Concello está asumindo este traballo xa que, como en outros casos a administración autonómica mira para outro lado". A continuación, deixa claro que “temos que aprender a vivir coa vespa asiática porque vai a seguir connosco".

Cada niño conta con 3.000-3.500 velutinas e ao longo da súa vida pode acubillar entre 15.000 e 18.000. Xuño e xullo foron os meses de maior traballo, ao igual que ocorrera o pasado ano cando o pico situárase ao longo de todo o verán (até setembro).

No 2018 foran eliminados máis de 500 niños de vespas velutinas no rural pontevedrés e outros 113 na área urbana, o que supuxo o 21% dos servizos realizados polos bombeiros. No primeiro caso constátase o aumento de niños en muros e no chan, mentres que na área urbana aniñan en tellados, balcóns e xardíns.

No caso de que un veciño descubra un niño deste tipo de vespa, pode dirixirse ao Concello enviando a localización en GPS do niño ao whatsapp do teléfono 679 411 930 (teléfono de Medio Ambiente Natural que non recibe chamadas, só atende mensaxes). 

Comentarios