Pontevedra impulsará un plan de atención psicolóxica a nenos vítimas de violencia de xénero

O programa da Obra Social La Caixa, coordinado pola Fundación Meniños e por Benestar Social, atendeu no curso 2017-18 a 102 menores en situación de vulnerabilidade 
Comisión de seguimento do programa CaixaProinfancia. DP
photo_camera Comisión de seguimento do programa CaixaProinfancia. DP

A Concellería de Benestar Social de Pontevedra quere poñer en marcha un programa de atención psicolóxica a nenas e nenos que foran vítimas de violencia de xénero a través do proxecto CaixaProinfancia –da Obra Social de La Caixa–, en coordinación coa Fundación Meniños e o Centro de Información á Muller (CIM).

A proposta xurdiu nun encontro da comisión de seguimento da iniciativa de La Caixa, que se reúne cando menos unha vez ao ano para dar conta das actuacións realizadas e na que a edil socialista Paloma Castro participou xunto con representantes das áreas de Saúde, Servizos Sociais e Educación da Xunta de Galicia; o responsable territorial do programa CaixaProinfancia en Galicia, Josep Oliva, e a coordinadora do mesmo no municipio, Aurora Coego, de Meniños.

Na mesa institucional deuse conta da memoria relativa ao curso 2017-18, no que este proxecto solidario prestou atención de carácter transversal a 59 familias e 102 nenas e nenos, nos ámbitos de Monte Porreiro, Salcedo e Pontevedra Leste.

Tal e como explicou Josep Oliva, o programa, coordinado na cidade pola Fundación Meniños en colaboración con Benestar Social, permitiu ofrecer servizos nas áreas de "reforzo educativo, lecer e tempo libre, apoio psicoterapéutico, saúde e hixiene e apoio familiar".

Ditos servizos foron prestados, ademais de por Meniños, pola Fundación Secretariado Gitano, a Federación Provincial de Anpas (Fanpa), a Asociación Déficit de Atención e Hiperactividade (Adahpo) e a Sociedade Deportiva Teucro

Segundo subliñou Paloma Castro, o programa CaixaProinfancia, resultado dun convenio de colaboración entre o Concello, a Xunta e a Fundación Bancaria La Caixa, leva realizando "unha inxente labor social de axuda ás nenas e nenos do municipio dende hai tres cursos".

A intención da concelleira do PSOE é "acadar unha cobertura de carácter transversal, unha balsa de aceite contra as situacións de risco e vulnerabilidade", polo que "é un paso moi importante que, para o seguinte, se poña en marcha un programa de atención psicolóxica a rapazas e rapaces que fosen vítimas de violencia de xénero, en coordinación do CIM".

Comentarios