Un pontevedrés acepta nove meses de cárcere por unha queima que acabou en incendio forestal

Ademais, deberá indemnizar á Consellería de Medio Rural con 5.529,03 euros

Un pontevedrés aceptou unha pena de nove meses de cárcere e o pago dunha multa de 1.800 euros por unha queima agrícola rexistrada o 29 de agosto de 2017, que non contaba con permiso nin as precaucións de seguridade necesarias, e que provocou un incendio forestal que calcinou 4 hectáreas de monte.

O acusado, que chegou a un acordo coa Fiscalía que evitou a celebración do xuízo sinalado para este martes no Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra, recoñeceu ser autor dun delito de incendio forestal por imprudencia grave.

En virtude deste acordo o agora condenado tamén terá que indemnizar á Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia con 5.529,03 euros, o importe no que se cifraron os gastos investidos para a extinción do incendio. Así, poderá evitar o ingreso en prisión sempre que cumpra o resto da condena.

Inicialmente a Fiscalía pedía para o acusado unha pena de once meses de prisión, unha multa de 10 meses a 12 euros ao día e o abono á Xunta os gastos da extinción que ascenden a 5.529 euros.