A UVigo nomeará doutoras Honoris Causa á pontevedresa Inmaculada Paz Andrade

También será recoñecida a experta en violencia de xénero da Universidade Johns Hopkins de Baltimore Jacquelyn Campbell

Inmaculada Paz Andrade e Jacquelyn Campbell. DP
photo_camera Inmaculada Paz Andrade e Jacquelyn Campbell. DP

María Inmaculada Paz Andrade, catedrática de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, e Jacquelyn Campbell, experta en violencia de xénero da Universidade Johns Hopkins, serán as próximas doutoras Honoris Causa pola Universidade de Vigo, segundo informou este mércores a institución académica. O Consello de Goberno aprobou, en sesión ordinaria, as propostas formuladas desde os departamentos de Física Aplicada e de Análise e Intervención Psicosocioeducativa, respectivamente. Con esta resolución, Paz Andrade e Campbell converteranse nas vixésimo sétima e vixésimo oitava Honoris Causa da institución viguesa, elevando a catro, tras Lynn Margullis e Eirén Moure, o número de mulleres que desde o ano 1992 recibiron a máxima distinción académica que outorga a Universidade de Vigo.

A resolución sobre as novas doutoras Honoris Causa foi un dos acordos adoptados, nunha sesión na que tamén se aprobou un límite de 3.702 prazas de novo ingreso de grao para o curso 2018-2019, que comezará o 3 de setembro e rematará o 31 de agosto, sendo este último mes non lectivo. Así mesmo, aprobouse o Protocolo marco de actuación para o cambio de nome e xénero de uso común das persoas transexuais, transxénero e intersexuais, que converte á de Vigo na primeira universidade galega e unha das poucas en España en ter unha normativa destas características.

TRAXECTORIAS. A candidatura de Paz Andrade xorde da proposta de Marta María Mato e José Luis Legido, do Departamento de Física Aplicada, para recoñecer a súa traxectoria científica como referencia mundial en Microcalorimetría, Termoxénese e Calorimetría Diferencial de Barrido. Actualmente Paz Andrade é profesora-investigadora Ad Honorem na USC, onde creou un dos máis destacados laboratorios de microcalorimetría de España e do mundo. En 1999 Paz Andrade comezou a desenvolver proxectos de investigación relacionados cos incendios forestais, creando o grupo THOR para elaborar ferramentas informáticas para a loita integral contra os lumes, do que forman parte 44 especialistas de diferentes universidades.

Pola súa banda, a profesora do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa María Lameiras foi a encargada de impulsar a candidatura de Jacquelyn Campbell, fundamentada "no excepcional currículo académico no ámbito da violencia de xénero, cunha brillante traxectoria académica na Universidade Johns Hopkins nos EE UU, que se remonta a case catro décadas, nas que cabe subliñar tamén o seu destacado papel de liderado e activismo a favor da igualdade e contra todas as formas de violencia que sofren as mulleres no mundo".

Pequeno cambio en Dirección e Xestión Pública
O Consello de Goberno tamén aprobou o límite de prazas de novo ingreso en titulacións de grao para o curso 2018-2019, que son 3.702. No campus de Ourense non houbo modificacións e ofertaranse 920. No caso de Pontevedra, o número de prazas, 715, tampouco sofre cambios, aínda que si se modificou a distribución das prazas de Dirección e Xestión Pública, que ofrece cinco máis na modalidade presencial e cinco menos na semipresencial. O campus de Vigo, finalmente, ofertará 2.067 prazas, cinco menos, coa principal novidade das 50 para Enxeñaría Biomédica.

Comentarios